O exxerente do PP de Ourense dixo á xuíza De Lara que os pagamentos en B se ocultaban ao PP de Madrid

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Europa Press

O exxerente do PP de Ourense Emilio Pascual declarou ante a xuíza que instrúe a ‘Operación Pokémon’, Pilar de Lara, que os pagamentos en B de campañas electorais “se ocultaban ao Tribunal de Contas e ao PP de Madrid”.

A principios do mes de novembro, e o mesmo día que o actual xerente do PP en Ourense, Pascual compareceu en Lugo e na súa declaración durante unha hora e 45 minutos, detallou que os fondos legais do partido en Ourense, en dúas contas, non eran “suficientes” para cubrir as campañas electorais.

Segundo indicou, unha das contas era para doazóns e estaba “sempre a cero”, e a outra “a normal” para os ingresos dos afiliados e “traspasos que se facían do grupo provincial ao partido”, pero “non eran suficientes”.

Ademais, este entregou á xuíza facturas “atopadas na sede do PP” para xustificar que “houbo empresas” que pagaron os gastos, porque os partidos “teñen uns topes para gastar, por lei” e ao pasarse dese tope “unha das formas para facelo era facer facturas aos candidatos, coma se pagasen eles, pero quen pagaba era o partido”.

Engadiu que pagaba el persoalmente con diñeiro entregado polo presidente, naquel momento, José Luis Baltar.

Outros pagamentos, ordenados “sempre” o presidente do PP de Ourense, facíanse a alcaldes que pedían diñeiro para a campaña e que eran “pagados moitas veces directamente” por Baltar. Outros eran -segundo a súa versión- a empresas locais que se encargaban de facer todos os traballos relacionados coas campañas, entre elas algunhas inmobiliarias e outras relacionadas coa comunicación.

Sobre os pagamentos, Pascual relatou que o diñeiro recibido por doazóns en B, estaba nun caixón baixo chave no despacho de Baltar na Deputación de Ourense, pero na época na que se pasou de pesetas a euros, ao facer pagamentos e repasar, descubriron que non estaba todo o diñeiro que debía. Así que, segundo o seu relato, Baltar instalou unha caixa forte na Deputación e gardaba a súa chave nun caixón, baixo chave.

Segundo o exxerente, “todo o mundo” sabía destas prácticas nas que o presidente apuntaba o que recibía e entrega ao exxerente o diñeiro, e este apuntaba o que recibía de Baltar e o día da entrega. “Despois el pedíame o diñeiro, el levaba todo o control”, indicou.

PARA CAMPAÑAS ELECTORAIS

Pascual declarou que el nunca recibiu directamente o diñeiro dos doadores nin nunca foi intermediario nas entregas, que eran “dunha media de cento e pico mil ao ano, non rexistrados na contabilidade”.

“O 98 por cento dese diñeiro era para as campañas electorais”, indicou o exxerente, para engadir, a preguntas da xuíza sobre se eran declarados, que que “se ocultaban ao Tribunal de Contas e ao PP de Madrid” porque non tiña reflexo na contabilidade oficial.

Tamén respondeu a preguntas sobre posible financiamento semellante no PP doutros lugares de Galicia, cuestión que dixo descoñecer.

24 de novembro de 2014 | 20:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.