O edil estradense Constenla considera patética a oposición de Dono en base a mentiras e difamacións
O concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, considera “patética” a política de oposición e ataques ao goberno local que está a practicar o PSOE, e en particular José Antonio Dono, baseándose en “metiras e difamacións”. Respecto á contratación de servizos referentes á Rapa das Bestas que cuestionan os socialistas, garante que “todos os procedementos de contratación están claros e non hai ningún inconveniente en que se fiscalicen”. “Se o señor Dono quere ir á Fiscalía facer o ridículo, xa está tardando, porque é evidente que o seu obxectivo é querer estirar un chicle que xa hai tempo que non ten sabor”, manifestou Constenla antes de anunciar que a vindeira semana amosaralle os materiais audiovisuais e toda a documentación que desexen.
“Se toda a oposición que pode e sabe facer o PSOE é referente á Rapa iso quere dicir que A Estrada vai ben e que dende o goberno estase a facer un bo traballo”. “Como Dono é sabedor de que o vídeo da Rapa estaba feito e que mentía ao falar dun custo de 20.000 euros, cando en realidade nin sequera chega á metade, agora é capaz ata de cuestionar o gasto en vallas de publicidade ou cartelería que se contratou no marco da promoción xeral e por petición expresa da Asociación da Rapa das Bestas”, explicou Constenla.
Respecto ás súas acusacións veladas, Constenla replicoulle que Dono “nin camiña sobre as augas, nin pode ir de salvapatrias pola vida, porque el gobernou e ten un pasado e a xente xa sabe o que facía e como funcionaba”. “Ao mellor é que pensa o ladrón que todos son da súa condición”, ironizou, antes de suxerirlle que “cambie de estratexia” e se adique a traballar en positivo pola Estrada. “Dono é capaz ata de cuestionar unha factura con reparos cando el acumulábaas por centos e cando está acreditado que se saltou procedementos administrativos en contratacións”. “Para poder dar leccións de xestión, e sobre todo de ética, antes debería explicarlle á xente episodios da súa etapa na Alcaldía, como o que custou o Rock & Clown e por que o tivo que pagar o goberno actual”, finalizou.











