O ecosistema galego de I+D+i debe potenciar as sinerxías entre todos os axentes implicados
Emprendedores e profesionais de diferentes sectores industriais asistiron esta mañá á xornada “O Ecosistema de Innovación Galego e os Mecanismos de Transferencia”, organizada pola Factoría de Innovación de Vigo, na que se analizou o panorama actual da I+D+i na Comunidade e debateuse sobre a efectividade dos mecanismos de transferencia tecnolóxica existentes.
Lorenzo Pastrana, catedrático da área de Nutrición e Bromatología do Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo, explicou que para que un ecosistema de innovación funcione eficazmente é necesario que exista biodiversidade e que os seus integrantes interrelacionen entre si. Tal e como expresou, o ecosistema galego de innovación está ben consolidado porque conta cunha importante rede de axentes que apostan polo desenvolvemento da I+D+i, pero fai falta articular mecanismos de cooperación que permitan que funcione ao 100% das súas posibilidades. Así mesmo, fixo fincapé na necesidade de que desde a Administración se potencien as axudas á investigación de modo eficiente e apelou á responsabilidade de universidades e organismos privados para que se realicen proxectos que resolvan problemas ambiciosos, de interese para a industria e a sociedade e que poidan producir retornos económicos satisfactorios.
Pola súa banda, Bea Monfort e Nuria Bueno, representantes do departamento de Proxectos de Tecnópole, presentaron as posibilidades que os parques tecnolóxicos ofrecen ás empresas de potencial innovador para desenvolver os seus traballos e establecer sinerxías. Como exemplo do valor engadido que ofrecen estes recintos, expuxeron os resultados das iniciativas de Tecnópole “5 sentidos para innovar”, “Os X de Tecnópole” e “Galiciencia”.
Ricardo González, xerente do Clúster da Madeira de Galicia, explicou o papel dos clústeres no ecosistema de innovación, presentando algúns dos traballos realizados no sector da madeira. En concreto, falou da implantación do Lean Manufacturing; do desenvolvemento do sistema Lingnum Facile para o intercambio de coñecemento entre o sector industrial e os principais prescriptores; e do recentemente aprobado Cloudwood, un traballo destinado á implantación de códigos QR no produto final e á posta en marcha dunha ferramenta de vixilancia competitiva que ofrece información específica aos socios do Clúster en función das súas necesidades.
A segunda parte da xornada centrouse na análise da eficacia da transferencia tecnolóxica e nas posibles melloras que se poden aplicar neste campo. Fernando Vázquez, CEO de Imatia Innovation, comentou que o modelo de transferencia tecnolóxica tradicional só é válido para facer I+D+i por encargo, polo que recomenda aos emprendedores que utilicen os resultados das investigacións que se están realizando nas universidades para crear as súas propias empresas.
Roberto Graña, director xeral de Blubusiness, afirmou que, segundo as estatísticas oficiais, o 57% das empresas españolas nunca cooperaron cun centro de investigación ou tecnolóxico. Entre os posibles aspectos de mellora destacou que se debería potenciar moito máis a cultura da cooperación, que desde as empresas confíese máis nas universidades e vexan nelas un socio de I+D+i para realizar proxectos, que tanto entes públicos como privados orienten os seus traballos ao mercado e que desde a Administración se incentive a colaboración e se creen políticas estables no tempo.
Por último, África González-Fernández, directora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, explicou a súa experiencia como investigadora para crear cun grupo promotor a empresa Nanoinmunotech, que ofrece os seus servizos a empresas e centros de investigación, e analizou as dificultades ás que se enfrontan a diario desde a Universidade para que a transferencia tecnolóxica poida chegar a materializarse.
Factoría de Innovación de Vigo
A Factoría de Innovación de Vigo é un centro de alto rendemento en creatividade aplicada á innovación, que se dedica ao desenvolvemento das capacidades innovadoras das empresas e organizacións empresariais, facilitándolles a posta en marcha de proxectos innovadores, contribuíndo a dinamizar a súa actividade empresarial e a mellorar os seus procesos de xestión.
Trátase da primeira factoría de innovación de Galicia e está promovida polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e a Universidade de Vigo (UVIGO); e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.











