O DOG publica a transferencia ao Concello da Laracha de varios ramais de acceso ao parque empresarial do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA LarachaLocal Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a transferencia por parte da Xunta de Galicia a prol do Concello coruñés da Laracha de varios ramais de acceso ao parque empresarial desta localidade. Os treitos, executados pola Xunta no ano 2004, presentan características de vía urbana cun tráfico eminentemente local.

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos seguintes tramos:

–  Ramal principal de calzada única e dobre sentido que vai desde a rotonda do p.q.: 23+200 da AC-552 ata o parque empresarial, incluída a os rotonda e ramais de acceso ao parque.

–  Ramal secundario de calzada única e sentido único que vai desde a saída da peaxe da autopista AG-55 ata o ramal principal.

–  Ramal secundario que vai desde a rotonda do p.q.:23+200 da AC-552 en dirección sur ata conectar cun camiño local.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Neste caso, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

En aplicación dos apartados 4 e 6 do artigo 10 da mencionada lei, o Concello da Laracha deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

26 de novembro de 2014 | 12:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.