O departamento de Igualdade de Ferrol promove un programa de contacontos contra a violencia de xénero
A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, presentou esta mañá un novo programa contra a violencia de xénero. Trátase dunha actividade de contacontos que se desenvolve en trece asociacións de veciños do municipio ferrolán e que na xornada de onte deu comezo na entidade veciñal de Caranza.
Casal Míguez sinalou a importancia de fomentar a coeducación e igualdade “tanto en homes como mulleres de todas as idades”. Neste senso, explicou que o novidoso programa de contacontos está dirixido a nenos e nenas, pero que tamén poden participar os pais, e que aborda a violencia de xénero e a ruptura de estereotipos. As entidades que acollerán esta actividade son as seguintes: Caranza, Esteiro, Arume, O Pilar, Ensanche, Doniños, Santa Icía, Catabois, A Magdalena, Rosalía de Castro, Ferrol Vello, Esmelle e Santa Mariña. A concelleira ferrolá explicou que dentro do programa se desenvolverán dúas actividades: un contaconto, que rompe estereotipos e fomenta a corresponsabilidade en actuacións dentro da familia; e se analizará o conto infantil de “Carapuchiña Vermella” para a ruptura de estereotipos dentro do mesmo. Esta proposta desenvolverase ao longo do mes de novembro.
Outros programas en marcha
Por outra banda, a edil Verónica Casal informou sobre outras das actividades que se está a realizar dende a Concellería de Igualdade para a ruptura de estereotipos e o fomento da corresponsabilidade nas familias. Así, o programa “Os=As” dirixido aos nenos e nenas de educación infantil consiste en monicreques que abordan a sociedade actual. E na mesma liña, o alumnado de Educación Primaria Obrigatoria está a desenvolver a iniciativa “Cambiando de conto” a través do cine; mentres que os estudantes de Secundaria realizan a proposta “E ti, de que vas?” mediante as redes socias. Estes tres programas desenvólvense nos centros de ensino.
Ademais, o Antigo Hospicio acolle os sábados pola mañá a actividade para parellas “2×1” que consiste en sesión con diferentes temáticas nas que se van destruíndo os roles e estereotipos de xénero. Os seis obradoiros que integran este programa de parellas son: coñecemento intra e interpersoal; alimentación e cociña; relaxación e liberación de estrés; sexualidade e erótica; tarefas do fogar; e música e movemento.











