O CSIC realiza en Pontevedra itinerarios científicos para divulgar as liñas de investigación da MBG

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) realiza esta semana en Pontevedra talleres prácticos acerca das liñas de investigación da Misión Biolóxica de Galicia (MBG). Os talleres, que se presentan baixo a iniciativa “Itinerarios de investigación agraria”, comezaron o luns, 24 de novembro, co alumnado de do IES Praia Barraña (Boiro, A Coruña).

Continúan hoxe, mércores 26 de novembro, co alumnado do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán (Lourizán, Pontevedra) e concluirán o venres 28 de novembro co alumnado do colexio Maristas-O Pilar (Vigo). En total, participan máis de 100 alumnos de ESO, bacharel e ciclos formativos.

O obxectivo é achegar o traballo dos científicos desde un punto de vista lúdico e explicar, en ton divulgativo, as liñas de investigación da MBG sobre os cultivos de millo, brásicas e leguminosas. Tamén se pretende dar a coñecer a realidade da investigación agraria que se practica e acerca da que se investiga en Galicia e o día a día dun investigador do CSIC dedicado ao estudo das ciencias agrarias. Esta iniciativa enmárcase no programa de actividades do CSIC para conmemorar en Galicia a Semana da Ciencia.

A dinámica dos itinerarios

Os itinerarios, que se desenvolven de 10.00 a 13.30 horas nas instalacións da MBG, están guiados por persoal de tres grupos de investigación: Bioloxía de agrosistemas, Xenética e mellora de millo e Xenética, mellora e bioquímica de brásicas. Versan sobre o estudo do sistema simbiótico Leguminosa-Rhizobio, as diferenzas de resistencia das distintas variedades de millo ao trade e a conservación das sementes de brásicas. Comezan cunha explicación teórica por parte dos científicos do CSIC acerca dos conceptos científicos e continúan cunha actividade práctica.

Así, por exemplo, o alumnado coñecerá métodos para conservar as sementes de coles e grelos e comprobará in situ a diferenza entre variedades de millo máis e menos resistentes aos insectos. Complétanse cunha visita guiada ás instalacións da MBG, o centro de investigación máis antigo do CSIC en Galicia posto que se creou no ano 1921. A visita inclúe un percorrido polos laboratorios, os invernadoiros e a leira experimental.

26 de novembro de 2014 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.