O CSIC participa o 29 de novembro no “Mes da Ciencia” en Santiago
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) está a participar na celebración do “Mes da Ciencia” na Biblioteca e Arquivo de Galicia -Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). Así, mañá, sábado 29 de novembro, o CSIC levará a cabo o taller científico “Cambio climático: experimentando co CO2”, iniciativa do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG). O taller, que comezará ás 17.00 horas e ten unha duración aproximada de tres horas, é eminentemente práctico. Diríxese, fundamentalmente, a estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). O obxectivo é mostrar aos participantes como se pode seguir a pegada do carbono na Terra. Para iso, o persoal do IIAG mostrará, a través de diversas actividades prácticas, como recoñecelo, onde se atopa e como se forma.











