O CPI de San Sadurniño recolle un novo premio polo seu compromiso ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

O alumnado do colexio público de San Sadurniño volve estar de noraboa. A finais de xuño recibiron o terceiro premio Meteoescolas polo seu constante traballo de seguemento e análise do clima local. Agora ven recompensado de novo o seu labor grazas ao proxecto de reciclaxe de aceite, que se fixo con outro terceiro premio do Plan Proxecta promovido pola Consellería de Educación en colaboración con outros departamentos autonómicos. Deste xeito o centro de ensino está a piques de pechar un ano cheo de éxitos que abranguen campos tan distintos como a robótica ou o teatro musical. Éxitos que aínda non remataron, posto que unha representación do colexio está estes días en Ourense participando en Galiciencia.

San Sadurniño participou este ano con dúas propostas no Plan Proxecta, dirixido a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan de xeito paralelo as competencias básicas e a educación en valores. Segundo a Consellería de Educación, este plan “busca a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado”. 

Por unha banda o alumnado meteuse a fondo no mundo da meteoroloxía co obxectivo de continuar ampliando a completa base de datos sobre o clima local que xa levan tempo recopilando. Posúen unha estación automática propia que recolle datos en tempo real e outro dispositivo manual que cómpre atender día a día repartindo o traballo por cursos. Todos os datos das dúas estacións procésanse para tirar conclusións coas que aprender, por exemplo, por que se producen as cicloxéneses, cando se dan as condicións ideais para unha treboada ou cales son as razóns de que fixese tanta calor a principios do mes de novembro. Unha información moi completa e útil que se pode seguir a través do blog meteosansa.blogspot.com, onde ademais pode atoparse un completo catálogo de nubes e outros meteoros.

Meteosansa valeulle ao colexio conseguir o terceiro premio de Meteoescolas -tamén incluído no Plan Proxecta- sobre un total de 40 centros de toda Galicia. Pero o traballo dos rapaces e rapazas non para aí, senón que se estende tamén ao campo da reciclaxe. Xa levan tempo recollendo tapóns de plástico solidarios, pilas e cartuchos de impresora baleiros e facendo unha correcta separación do lixo dentro e fóra das aulas. 

Porén, no apartado ambiental -premiado recentemente polo Proxecta no capítulo de Sustentabilidade e paisaxe- profesorado e alumnado tamén emprenderon un ambicioso programa de reciclaxe no que se recolle aceite doméstico para que despois sexa procesado por unha empresa especializada. A recollida de aceite das fritiduras non é nova no colexio, posto que levan varios anos con ela. O que si é novo é a idea de tentar poñelo en valor no propio centro. No curso 2013-14 puxéronse mans á obra co obxectivo de producir biodiésel para facer funcionar a caldeira da calefacción do centro. A investigación deu resultado e, se ben o produto non dá para quentar o recinto si fixo funcionar unha das furgonetas do Concello, que colabora co CPI neste noutros proxectos educativos. 

Cómpre sinalar que xunto co biodiésel, o aceite tamén dá para facer xabóns tras un sinxelo proceso de filtraxe e de transformación química. Unha posibilidade que a rapazada tamén aproveita e que mesmo lles serviu para axudar a financiar o atrezzo e o vestiario da obra musicalSegredo no faro, estreada con grande éxito no mes de xuño. A produción de xabóns e de biodiésel é un dos 50 proxectos seleccionados para participar na presente edición de Galiciencia, que se desenvolve ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense.

19 de novembro de 2014 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.