O COPG une poesía, música e arte en “Vozes Contra a Violencia”
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia programa para este sábado 22 de novembro “Vozes Contra a Violencia”, unha iniciativa cultural, solidaria e reivindicativa, que alenta á sociedade a rexeitar calquera tipo de agresión machista. O encontro será en Santiago de Compostela, no pub Ultramarinos (Casas Reais, 34) a partir das 22.00 horas.
“Vozes contra a Violencia”, que neste 2015 chega á súa quinta edición, organízase para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebrará o vindeiro día 25. Trátase dunha convocatoria aberta a todas as voces da poesía, da literatura e doutras artes creativas que queiran sumar as súas achegas.
Entre as persoas participantes que xa confirmaron a súa asistencia están Luz Fandiño, Teresa Moure, Dores Asorei, Iolanda Aldrei, Concha Rousia, 2naFronteira, Alejandro Nuricumbo, Alexandre Brea, Miguel Alonso, Cruz Martínez, Xurxo N. Martíns e José Gorís.
O COPG insiste na importancia de loitar contra as desigualdades de base para combater as agresións machistas dun xeito integral. Anima aos cidadáns e cidadás que desexen alzar a súa voz contra a violencia a que se unan ao encontro e trasladen esta mensaxe.
Co gallo do 25N, o Colexio lembra que leva máis dunha década ofrecendo tratamento confidencial e gratuíto e asesoramento ás vítimas da lacra dos malos tratos, tanto as mulleres, como os seus fillos e fillas. Ademais, o COPG desenvolve o programa “Abramos o Círculo”, para homes que exercen a violencia e desexan rehabilitarse.











