O conselleiro de Industria sinala que o proxecto de Gestamp é unha oportunidade para o futuro de Ferrolterra
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento galego que o proxecto de Gestamp de crear unha planta de compoñentes para a eólica mariña é unha oportunidade clave para o futuro de Ferrolterra. Lembrou Conde que, de ser Ferrol a candidata elixida, esta iniciativa suporía un investimento de máis de 100 millóns de euros e ata 700 postos de traballo en Ferrolterra.
Francisco Conde sinalou que o proxecto merece ser avaliado, sinalando que a Xunta apoiará calquera proxecto viable e compatible coa actividade de Navantia que veña a sumar ao crecemento económico de Ferrolterra, á diversificación industrial e á xeración de postos de traballo e de novos investimentos na comarca.
Así mesmo, o conselleiro de Economía e Industria recordou que con este proxecto os terreos continuarían a ser de titularidade pública, e sería compatible co traballo do estaleiro, lembrando o compromiso firme do Goberno galego con Navantia, con carga de traballo que é xa unha realidade concreta.
Así, lembrou que o estaleiro conta hoxe con contratos que suman unha facturación próxima aos 500 millóns de euros, en referencia ao flotel de Pemex; a tranformación do Monforte de Lemos; o deseño do LHD ou a construción do BAM.











