O conselleiro de Economía e Industria destaca en Vilagarcía a colaboración público-privada para a mellora competitiva do tecido empresarial
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe a importancia da cooperación público-privada como clave para a mellora competitiva do tecido empresarial. Neste sentido, durante un encontro mantido con empresarios na Cámara de Comercio de Vilagarcía, Conde destacou que a Consellería ten investido 21 millóns de euros na comarca do Salnés durante os últimos 6 anos, promovendo distintas actuacións que melloran a súa competitividade.
O titular de Economía e Industria, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, subliñou a importancia deste tipo de encontros que permiten, dun lado, coñecer as principais preocupacións das empresas da zona e, doutro, achegarlles os principais programas de dinamización económica activados pola Consellería.
Así, Conde lembrou que a difícil situación pola que están a pasar moitas empresas está a contar co respaldo da Xunta, que pon a disposición das compañías distintas ferramentas para impulsar a súa viabilidade. Salientou ademais que nestes momentos atópanse abertas diferentes liñas como os préstamos Jeremie, que están xa a facilitar proxectos nas pemes galegas; unha nova convocatoria do programa ReAcciona encamiñado á mellora competitiva das empresas; ou o fondo de capital risco Galicia Emprende para a promoción de novas iniciativas emprendedoras.
No eido da internacionalización, Conde destacou “a boa marcha que están a rexistrar as cifras na provincia de Pontevedra”, onde no mes de setembro as exportacións medraron en máis dun 45% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Unha porcentaxe que, segundo explicou, permite rexistrar, no global dos nove primeiros meses, un crecemento do 4% na provincia con respecto ao mesmo período do 2013.
“Deste xeito Pontevedra contribúe dun modo decisivo á boa marcha das exportacións galegas”, incidiu o conselleiro, quen lembrou que Galicia está a superar os “rexistros históricos” acadados no último exercicio, situándose a finais de setembro como a terceira Comunidade Autónoma en saldo comercial, cunha balanza que suma máis de 2.400 millóns nos nove primeiros meses do ano.
Futuro das cámaras de comercio
Por outra banda, con respecto á situación das cámaras de comercio, Conde salientou que o futuro pasa por un sistema cameral eficiente, que permita dotar dos mellores servizos ao empresariado e que garanta o autofinanciamento destes entes, nun momento que as cámaras teñen que ver como unha oportunidade para redimensionar as súas estruturas.
O conselleiro apuntou a necesidade dun mapa cameral que responda a este dobre obxectivo, nunha dirección de máxima colaboración e coordinación entre as distintas cámaras galegas. Tal e como sinalou o conselleiro, nese sentido irá a proposta para a nova Lei Galega de Cámaras na que se está a traballar xunto coas cámaras.











