O concurso de Semente Monforte entra na fase de selección das ideas empresariais
A asociación “Semente Monforte” iniciará este mércores o proceso de valoración das 81 ideas presentadas ó I Concurso de Proxectos Empresariais.
As persoas que integran a asociación Semente Monforte reuniranse na Casa do Concello este mércores día 26 ás 19:00 h, para acordar que ideas ou proxectos se proponen desde a asociación como as maís interesantes entre todas as presentadas. Os dous membros de Semente Monforte que forman parte do xurado serán os encargados de trasladar esta decisión ó resto do tribunal, que se reunirá este xoves día 27 de novembro ás 11:00 h na Casa do Concello.
O xurado decidirá o xoves día 27 cales son as dez ideas finalistas, e as persoas responsables das mesmas terán de prazo ata o día 31 de xaneiro do 2015 para presentar os proxectos nos que se desenvolvan estas ideas.
O día 14 de marzo de 2015 volverá reunirse o xurado, nesta ocasión será para escoitar a exposición dos dez proxectos finalistas, decidir cales son os tres gañadores e proceder á entrega de premios.
O xurado está composto por:
– Un/unha representante de cada unha das 16 empresas que participan no presente concurso.
– Un/unha representante de cada unha das Facultades das Universidades de Economía e Empresa de Galicia. (U.D.C.) (U.S.C.) (UVIGO).
– Un/unha representante do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica).
– Dúas persoas da Asociación SEMENTE MONFORTE.
O xurado seleccionará aquelas ideas que considere de maior interese conforme aos obxectivos do concurso. Unha vez seleccionadas as ideas, o xurado dará a coñecer a súa decisión o día 1 de decembro de 2014 no sitio web www.sementedemonforte.org e informará do prazo no que deberán presentar por escrito a totalidade do proxecto.
Os premios, que estarán suxeitos á preceptiva retención legal, concederanse por proxecto e con independencia do número de persoas que participen no mesmo. A súa contía será a seguinte:
1º PREMIO. ………………………………….………… 10.000 Euros.
2º PREMIO. ……………………………………………. 6.000 Euros.
3º PREMIO. ……………………………………………. 4.000 Euros.
Este concurso lévase a cabo en colaboración con 16 empresas, co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e coas Universidades da Coruña, Santiago e Vigo.











