O concurso de escaparatismo de Nadal repartirá 10.000 euros en premios
O Concurso de Escaparatismo de Nadal organizado pola área de Emprego e Empresa, que dirixe Luisa Cid, para revitalizar o comercio local batiu a súa marca de participación con 109 comercios inscritos, 19 máis que no certame anterior, converténdose a edición de 2014 na máis participativa da historia do concurso.
Con 10.000 en premios e servizos gratuítos de asesoramento de escaparatismo impartidos por expertos en imaxe e deseño, o concurso pasa agora a unha segunda fase na que un xurado profesional elixirá o 15 de decembro aos cinco finalistas. Posteriormente, entre o 16 e o 30 de decembro quen o desexen poderán votar o seu escaparate favorito na páxina web www.corunñawapa.es. O comercio gañador recibirá 3.000 euros e os outros catro finalistas, 1.000 euros cada un. Así mesmo, serán premiadas as asociacións de comerciantes ás que pertenzan con 500 euros cada unha.
AMPLA REPRESENTACIÓN DOS BARRIOS
Ademais da elevada participación, os establecementos inscritos no concurso son moi representativos do comercio de todos os barrios da cidade, xa que forman parte de 17 asociacións comerciais da cidade. Nesta ocasión, o principal requisito que deben cumprir os locais á hora de decorar os seus escaparates é incluír a cor maxenta, a cor identificativa do comercio coruñés, nos seus escaparates.
O Concello convoca o Concurso de Escaparatismo de Nadal co obxectivo de apoiar, formar, incentivar e premiar aos comerciantes que co seu esforzo apoian a promoción e mellora da imaxe do comercio cunha decoración especial dos seus escaparates, creando así un ambiente agradable de compra, achegando un valor engadido o comercio local e buscando a fidelización do cliente.
Estes certames forman parte do plan de revitalización do comercio impulsado polo Goberno local en colaboración co sector. En 2014 celebráronse dous concursos de escaparatismo, o de outono, no que participaron 80 comercios e tamén se repartiron 10.000 euros en premios, e o de Nadal. Entre ambos os certames rexistráronse 189 participantes.











