O Concello recibe 11 propostas para as obras de renovación do tramo urbano de Alfonso Molina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña informa de que recibiu un total de 11 propostas para o seu proxecto de renovación integral do tramo urbano da avenida de Alfonso Molina, unha obra que se sacou a concurso por un importe de 1.197.122 euros.

O novo proxecto da Concellaría de Infraestruturas para a mellora urbana, estética e, de maneira especial, de seguridade do tramo urbano de Alfonso Molina -ao redor de 1,2 quilómetros da avenida entre a rolda de Outeiro e Linares Rivas- permite cumprir o compromiso adquirido polo alcalde, Carlos Negreira, co Club de Leóns da Coruña-Decano.

A obra, cun orzamento de licitación de 1.197.122 euros, ten un prazo de execución aproximado de 3 meses. A mellora da imaxe actual do tramo urbano de Alfonso Molina responde a tres premisas:

– Seguridade viaria. Abordará a mellora da seguridade viaria a través de diferentes actuacións, como a substitución de biondas, a modernización de proteccións laterais e a reposición da sinalización vertical e nos pasos de peóns. Tamén se mellorará o pavimento, especialmente no tramo onde se sitúan as dúas paradas de bus e nos pasos de peóns á altura de Fernández Latorre, unha medida que se ampliará ao tramo sobre o viaduto que dá acceso a Linares Rivas.

– Mobilidade peonil. O proxecto apostará por favorecer a mobilidade peonil grazas á mellora da mediana actual, á continuidade dos percorridos peonís e á instalación de beirarrúas e pasos de peóns. Así, crearanse resaltos sonoros para indicar aos vehículos que é preciso que reduzan a velocidade e crearase un novo paso de peóns na incorporación a Alfonso Molina desde Juan Flórez.

– Renovación de elementos urbanos. Incidirase na substitución da iluminación e das varandas, entre outras cuestións. A avenida contará cunha iluminación máis urbana e con luminarias máis eficientes. Ademais, o viaduto sobre Alfonso Molina que conecta a rúa Santa Lucía con Juan Flórez dotarase dunha iluminación que resalte a imaxe desta zona como porta de entrada á cidade.

30 de novembro de 2014 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.