O Concello de Vilagarcía reparte 8.906 euros en axudas para a compra de material escolar en educación infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Vilagarcía xa leva entregado bo número das 169 axudas concedidas este curso para a adquisición de material escolar de alumnos de Educación Infantil. Nos vindeiros días completaranse os pagos ata completar os 8.906 euros que se distribúen este ano para axudar ás familias que se ven máis apuradas á hora de afrontar os gastos de inicio do curso.

Para a convocatoria deste ano destinárase inicialmente unha partida de 8.000 euros financia con fondos das concellerías de Servizos Sociais (3.500 euros) e de Educación (4.500). Esta cifra xa era 1.000 euros superior á do curso anterior. Así a todo, tras recibir as solicitudes de axuda, o goberno decidiu implementar o fondo con 906 euros máis co obxecto de poder cubrir as necesidades do maior número posible de familias.

Esta liña de subvencións para a compra de material escolar que ofrece o Concello está destinada a alumnos de Educación Infantil (de 0 a 6 anos) xa que neste nivel educativo non existen axudas douras administracións. Trátase con isto de cubrir ese baleiro para axudar tamén ás familias con nenos neste nivel de escolarización.

Os 8.906 euros totais comezáronse a repartir hai semanas, comezando polos beneficiarios que solicitaran o anticipo das mesmas acolléndose á modalidade estreada este ano polo Concello pensando nas familias que teñen dificultades para adiantar o pago da compra de material escolar ata que non se lles ingresaba a axuda.

As concesións das axudas e as correspondentes ordes de pago fóronse tramitando en bloque, comezando polas solicitudes de anticipo e seguindo polas restantes a medida de que ían entregando a documentación xustificativa do gasto. Esta é a razón pola que a aprobación repártase en diferentes Xuntas Locais de Goberno.

Desmentido a Fajardo

Explicado este punto, a concelleira de Educación, Rocío Llovo, volve a lamentar o novo exemplo de demagoxia e de tratar de espallar mentiras que vén de dar o voceiro de Esquerda Unida que, sen informarse previamente, denuncia falsidades como que o goberno, “anunciou que dedicaría 8.000 euros para este fin e agora apenas gasta 2.252”. “Queda demostrado que non só é mentira o que di, senón que aínda por riba, se aumentou a partida”, comenta a concelleira que tamén reprocha a Juan Fajardo que a estras alturas aínda non se entere de que a liña de axudas é para os ciclos de Infantil, non de Primaria, como critica nos medios de comunicación.

26 de novembro de 2014 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.