O Concello de Vilagarcía remite ao servizo de emprego a oferta para a contratación de 20 beneficiarios da Risga
O Concello xa remitiu ao servizo Público de Emprego a oferta para a contratación de 20 desempregados beneficiarios da RISGA en base á orde da Consellería de Traballo e Benestar do 30 de maio. En base a esta convocatoria, un total de persoas en situación de desemprego e que se atopan en situación ou risco de exclusión social, poderán acceder a un contrato laboral de sete meses de duración. Os interesados deben estar inscritos nas listas de demandante de emprego do Servizo Público de Emprego, organismo que se encargará de preseleccionar aos aspirantes.
O Servizo Público de Emprego (antigo INEM) remitirá ao Concello a lista de candidatos con aquelas persoas que cumpran os requisitos establecidos nas bases da convocatoria. As bases pódense consultar no taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.es. Nelas figuran ademais os criterios de puntuación e o sistema de selección, que seguirá o modelo de concurso-oposición.
As contratación terán un período de 7 meses e serán de xornada a tempo parcial de 28 horas e 12 minutos semanais. A función destes traballadores será a realización de traballos e servizos de interese xeral ou social.











