O Concello de Vilagarcía contrata obras de drenaxe para os patios dos colexios Arealonga e Piñeiriño
A Concellería de educación porá en marcha nas vacacións de Nadal dúas actuacións para poñer fin aos problemas de asolagamento que se rexistran nos patrio dos colexios Arealonga e O Piñeiriño cando chove con intensidade. A Xunta Local de Goberno adxudicou a Espina y Delfín os traballos que consistirán na instalación de rede de drenaxe nun centro e desaugue e mellora do firme no outro. O proxecto ten un orzamento de 10.569,94 euros que corren por parte dun remanente do orzamento de investimentos da Concellería de Educación deste ano 2014.
Os traballos comezarán polo colexio do Piñeiriño onde está previsto que repoñer o firme da entrada do centro, que está moi deteriorado e tamén mellorar a explanada interior por onde acceden ao edificio os alumnos de maior idade. A estreita beirarrúa que bordea o colexio desde esta entrada e insuficiente para o tránsito dos rapaces que se ven obrigados a camiñar pola terra do patio, que se asolaga e se converte nunha lameira cando chove. Por iso, a actuación programada prevé instalar un sistema de drenaxe nesta zona de terra e cubrila posteriormente con pavimento.
A actuación no colexio Arealonga enmarcarase na parte do patio situado entre os dous pavillóns deportivos. Unha das principais causas do problema da acumulación de auga que se produce nesta extensa zona prodúcese porque a choiva que cae sobre o tellado do ximnasio vello e do patio cuberto anexo conflúe nunha mesma canalización que desauga directamente á explanada de terra. Para solventar esta situación, instalaranse media ducia de sumidoiros repartidos polo patio para que as augas sexan conducidas ao novo entramado de canalizacións soterradas que se colocará para recoller as augas e que desembocarán no río canalizado que discorre por baixo do recinto.
A Concellería de Educación tiña previsto realizar estas dúas obras dende que lle foran transmitidas as necesidades dende as direccións dos respectivos centros. De feito xa se estaban concretando as actuacións a realizar en colaboración coa Concellería de Obras os traballos a realizar. A falta de recursos para financialas foi a razón pola que houbo que esperar ata agora cando, unha vez realizada o estudo de execución dos presupostos de 2014, se tivo coñecemento dun remanente de 14.000 euros do orzamento de investimentos da Concellería de Educación resultante de sobrantes de outras obras.











