O Concello de San Sadurniño adxudícalle provisionalmente a Bolboreta S.C. a xestión da escola infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A mesa de contratación permanente do Concello abriu este martes ao mediodía as propostas económicas presentadas polas catro empresas interesadas na xestión da escola infantil municipal. Este era o último trámite que faltaba para facer a adxudicación provisional, despois de que a semana pasada un comité de persoas expertas valorase as ofertas técnicas. A empresa Bolboreta S.C. conseguiu un total de 64.38 puntos de 80 posibles, polo que se converte na gañadora do procedemento aberto con multiplicidade de criterios convocado pola administración local hai agora un mes.

A adxudicación é provisional, dado que a empresa deberá presentar documentación xustificativa de estar ao tanto con Facenda e coa Seguridade Social, de dispoñer dos medios persoais e materiais reflectidos na súa oferta e de ter constituído a garantía de 5.770 euros esixida nas bases.

Á convocatoria presentáronse catro empresas: Bolboreta S.C., Senes CIT S.L., Aurora, Pilar y Ana S.L. e Espazo Garabatos S.C.. O contrato resolveuse mediante un procedemento aberto con tres partes diferenzadas, unha administrativa, outra técnica e unha terceira de carácter económico. Na parte técnica un comité valorou o proxecto educativo, o plan de xestión do centro e os servizos complementarios, ademais da mellora de equipamento. Na parte económica valoráronse as propostas de rebaixa sobre os prezos do servizo recollidos na ordenanza aprobada recentemente polo Concello. 

En total as empresas podían obter ata 80 puntos, 60 coa oferta técnica e 20 coa económica. Finalmente as puntuacións quedaron do seguinte xeito: Bolboreta S.C. 64.38 puntos, Senes CIT S.L 61.85, Aurora, Pilar y Ana S.L. 47 puntos e, por último, Espazo Garabatos S.C. 45,06 puntos. Un resultado que levou á mesa de contratación a elevar a proposta de adxudicación en favor de Bolboreta S.C. 

Segundo a proposta da empresa o prezo da matrícula serán 20 euros anuais, unha mensualidade completa 195, o mes a media xornada 117 euros, a xornada de dúas horas pola mañá ou pola tarde queda en 70 euros, as horas complementarias solicitadas por mes completo custarán 20 euros/hora/mes, mentres que as horas extraordinarias para días soltos terán un custe de 3.50 euros/día. En canto ao servizo de comedor, contratar o almorzo para todo o mes custará 25 euros, o xantar 78 e a merenda 25 euros. O servizo para un día solto serán 4 euros. 

Estas contías deberán reflectirse na ordenanza municipal, que será necesario modificar sen que se vexa afectado por iso o prazo previsto de apertura. A empresa ten cinco días hábiles para presentar a documentación requirida e, unha vez presentada, o Concello terá outros tres días para facer a adxudicación definitiva. Pouco máis dunha semana para resolver toda a parte de contratación da xestión do servizo. Porén, para abrir a escola ao público aínda falta a autorización da Xunta. As obras contan co visto e prace autonómico e só quedaría pendente a aprobación do cadro de persoal proposto por Bolboreta S.C. En calquera caso, desde o goberno local indícase que os prazos “estanse cumprindo como estaba previsto” e que a escola podería abrir “a finais de mes ou principios de decembro, sempre e cando a Xunta axilice as autorizacións.”, tal e como asegurou esta mañá o alcalde Secundino García. 

O centro está xa equipado desde hai dous meses e terá capacidade para acoller ata 38 nenos e nenas de forma simultánea de entre 0 e 3 anos. Funcionará de luns a venres cun horario de apertura máximo de oito da mañá a oito do serán.

Últimos días para solicitar axudas para servizos de conciliación

Noutra orde de cousas e en relación coa educación infantil, o Concello lembra que o próximo 15 de novembro remata o prazo para solicitar as axudas para servizos de conciliación. A contía da bolsa será do 50% dos gastos xustificados cun importe máximo de 300 euros por fillo ou filla inscrito nalgún destes servizos.

Á convocatoria publicada no mes de marzo poden acollerse familias cunha renda que non supere os 22.000 euros anuais e que boten man de garderías ou servizos de atención á infancia en idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos. 

5 de novembro de 2014 | 20:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.