O Concello de Ourense solicita a Fomento apoio para a rehabilitación da Praza de Abastos con cargo ao 1,5% Cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense solicitará o apoio do Ministerio de Fomento para financiar a reforma e rehabilitación da Praza de Abastos número 1 da cidade, sita nas Burgas. A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión desta mañá a concurrencia do Concello á convocatoria realizada pola Administración do Estado para subvencións a proxectos con cargo ao 1,5% Cultural do Ministerio.

O Concello presentará o proxecto de reforma e rehabilitación deste mercado municipal, coa finalidade de poñer en valor este ben de titulariedade municipal, de grande importancia como referencia do comercio na cidade, e integrante do Ben de Interese Cultural do conxunto das fontes termais das Burgas e o seu contorno, declarado o 8 de febreiro de 2007 pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia

No acordo da Xunta de Goberno Local, e cumplindo cos requisitos das bases elaboradas polo Ministerio, o Concello comprométese a cofinanciar o 25% do custe total da actuación, en caso de serlle outorgada a subvención solicitada. O proxecto a executar ten un orzamento de 5.619.642,89 euros, para os que se solicita unha subvención do 75% por parte do Ministerio de Fomento (4.214.732,17 euros).

Na proposta que presentará ao Ministerio, o Concello subliña a singulariedade do edificio, incluído dentro das delimitacións do BIC con categoría de sitio histórico, e sostén que a rehabilitación, conservación e enriquecemento do edificio convértese nunha actuación estratéxica para a posta en valor deste lugar emblemático da cidade.

A solicitude preséntase de acordo cos requisitos establecidos na orde do Ministerio de Fomento que aproba as bases reguladoras da concesión de axudas para actuacións de conservación ou enriquecemento do Patrimonio Histórico Español, con cargo aos recursos procedentes das obras públicas financiadas polo Ministerio de Fomento e polas entidades do sector público dependentes ou vinculadas.

6 de novembro de 2014 | 14:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.