O Concello de Ourense organiza “Rutas de outono” para descubrir a riqueza micolóxica e vitivinícola da Ribeira Sacra
A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense organiza “Rutas de outono”, unha nova proposta coa que mozos e mozas terán a oportunidade de desfrutar de dúas saídas: unha micolóxica, na que descubrirán a riqueza dos montes de Ourense en cogomelos, tan aprezados nestas datas, e a paisaxística e vitivícola da Ribeira Sacra. As dúas rutas son gratuítas e realizaranse os domingos, 22 e 29 de novembro, dirixidas a persoas maiores de 18 anos, que poden inscribirse na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), na Praza de San Martiño, nº 2, baixo, teléfono 988 388154. Cada unha conta con 25 prazas.
A ruta micolóxica desenvolverase no Concello de Piñor. Mozos e mozas aprenderán a identificar e recoller diferentes tipos de cogomelos, baixo as indicacións dun experto na materia, e descubrirán diferentes tipos de ecosistemas típicos de Galicia. Posteriormente levarase a cabo o xantar nas proximidades e xa pola tarde poranse en común todos os exemplares recollidos, aprenderase a identificar os diferentes tipos, daranse nocións sobre cada un deles e como preparalos. Será o día 22 de novembro, con saída ás 9:15 horas, e ata as 18:00h.
A ruta vitivinícola pola Ribeira Sacra permitirá desfrutar coa riqueza paisaxística desta zona e coñecer un pouco máis de preto os traballos que case artesanalmente se fan para elaborar os seus tan prezados viños. Será o día 29 de novembro, dende as 9:45 ata as 20:30 horas, incluíndo unha ruta en tren turístico pola Ribeira Sacra, no Concello de Sober na provincia de Lugo, visita a unha bodega para coñecer o seu labor, xantar nun restaurante da zona e ruta en catamarán para admirar a beleza das cores do outono na Ribeira Sacra.











