publicidade hoxe

O Concello de Oleiros estuda denunciar á Xunta e a Fomento por unha agresión medioambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOleiros
A-
A+

O Goberno local de Oleiros estuda denunciar por un delito ecolóxico ao Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia como causantes da praga causada pola planta coñecida como plumachos ou herbas da pampa e que afecta a toda a comarca coruñesa. O Concello considera responsable a ambas administracións por unha agresión medioambiental ao introducir no ecosistema local a planta invasora dos plumachos.

Nunhas declaracións efectuadas esta mañá polo rexedor, Ángel García Seoane, responsabilizou directamente ao Ministerio quen no seu día encheu toda a autoestrada AP-9, desde A Coruña e Santiago, cunha columna de plumachos usados como planta ornamental na mediana desta vía. Así mesmo, o rexedor alertou unha vez máis da continua proliferación desta planta cuxa semente é capaz de percorrer quilómetros.

Ademais da plantación xunto á autoestrada, García Seoane criticou o estado de conservación das infraestruturas viarias da Xunta e de Fomento. Ambas administracións teñen invadido totalmente o seu territorio por plumachos xa que nos seus cruces de estradas, entre eles, o do Seixo, a planta medra libremente sen que os organismos leven a cabo campañas de eliminación da especie, o que complica enormemente a súa erradicación, posto que estas pequenas parcelas da Xunta e do Ministerio funcionan como lanzadeiras da semente.

Ademais do Concello de Oleiros, varias asociacións ecoloxistas criticaron, a colocación de plumachos como barreira na autoestrada e, do mesmo xeito, atribuíron a esta iniciativa a orixe da reprodución de exemplares pola comarca da Coruña. O Concello de Oleiros mantén unha loita constante contra esta praga medioambiental desde hai máis de 3 anos. Nos últimos meses abriu expediente sancionador a máis de 140 propietarios por non limpar as súas fincas inundadas por esta agresiva herba da pampa.

Así mesmo, e de forma paralela a esta iniciativa sancionadora o Goberno local contratará unha empresa especializada para a erradicación dos exemplares a través dun protocolo que evite a reprodución da planta. A eliminación levarase a cabo de forma subsidiaria en fincas privadas non pechadas e cuxo propietario fora notificado previamente sen acometer a limpeza.

4 de novembro de 2014 | 20:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.