O Concello de Mos homenaxea a Raúl Barciela tras gañar o Premio Extraordinario de Bacharelato

Raúl Barciela na homenaxe do Concello de Mos
Esta tarde celebrouse no Concello de Mos unha recepción organizada pola administración local en recoñecemento do estudiante Raúl Barciela Sánchez, quen acadou o Premio Extraordinario de Bacharelato do pasado curso escolar 2013-2014.
No acto estiveron presentes o propio galardoado e familiares seus, así coma a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, a concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, e máis membros da Corporación Municipal.
Raúl Barciela recibiu, xunto con outros 19 alumnos e alumnas galegos de Bacharelato, o Premio Extraordinario que concede a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia como recoñecemento do esforzo e adicación dos estudiantes que realizaron durante o pasado curso algunha das modalidades de Bacharelato obtendo unha calificación final igual ou superior a 8,5.
Entre os premiados atópanse 8 alumnos de centros educativos da provincia de Pontevedra e entre eles está Raúl Barciela Sánchez, alumno do IES de Mos.
Tras acadar o Premio Extraordinario de Bacharelato, agora Raúl poderá optar, previa inscrición e se así o decide, ó correspondente Premio Nacional. Pola súa banda as representantes municipais fixéronlle hoxe entrega dun cheque agasallo que poderá investir na compra de material escolar, como apoio á súa intachable labor estudiantil.
Alcaldesa e edil de Educación eloxiaron “o traballo e o esforzo deste alumno sobresaínte que é exemplo para tódolos mozos e mozas mosenses, que poden e deben mirarse no seu espello tomándoo como referente a seguir”, declararon. “É un orgullo para este Concello contar con estudiantes destes niveis de capacidade, que aseguran e auguran un futuro prometedor para o noso municipio contando con cidadáns dispostos, como Raúl, a mellorar e superarse día a día”, explicaron Arévalo e Monzón.











