O Concello de Monforte repartirá 35 novos compostadores entre os habitantes da zona urbana
A concellería de Medio Ambiente do concello de Monforte segue participando no proxecto de compostaxe doméstico impulsado por Sogama coa pretensión de obter importantes beneficios ambientais e económicos.
O Concello volverá distribuír gratuitamente 35 compostadores domésticos destinados exclusivamente a persoas residentes na zona urbana. Monforte sumouse a este proxecto en decembro do ano 2013, sendo ésta a terceira vez que se leva a cabo o reparto. Nas dúas anteriores ocasións distribuíronse un total de 84 compostadores.
O programa de compostaxe doméstica ten como obxectivo a redución e prevención da xeración de residuos, xa que a fracción orgánica (restos de comida) que se orixina nas nosas vivendas supón case a metade do contido da nosa bolsa de lixo. Producindo compost reducimos o lixo que se transporta e deposita nos vertedoiros.
O Concello abrirá un prazo coa finalidade de confeccionar unha listaxe de persoas que desexen acceder ó programa de compostaxe dos residuos orgánicos e adquirir de maneira gratuíta un compostador doméstico.
Deste xeito, aquelas persoas interesadas en compostar a materia orgánica procedente dos seus xardíns ou dos restos de comida, deberán anotarse na oficina de Rexistro do Concello a partir do luns día 10 e ata o martes día 25 de novembro (ambos incluídos).
Os modelos de solicitude pódense recoller na propia oficina municipal de Rexistro, ou descargalos no apartado de áreas municipais (Medio Ambiente) da web www.monfortedelemos.es
As persoas que accedan ó programa de compostaxe deberán asistir a unha charla na que se lles explicará que tipo de restos e materiais se poden depositar nos compostadores, dándolles unhas pautas básicas sobre o proceso a seguir para compostar correctamente.
Os/as participantes neste programa tamén disporán dun servizo de asesoría permanente para resolver as posibles dúbidas que xurdan.
Dende a concellería de Medio Ambiente anímase á cidadanía a reducir, reutilizar e reciclar os residuos e a participar neste programa de compostaxe doméstica.
Para máis información poden chamar ó teléfono 628 115 309.











