O Concello de Monforte colabora co acto solidario organizado polo CCU

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O Concello lamenta que un acto solidario de gran éxito como o do pasado sábado, organizado polo CCU e cunha resposta masiva da cidadanía, se vexa afectado por unhas declaracións falsas e mal intencionadas da directiva da asociación de comerciantes.

Desde a directiva do CCU manifestan que non contaron con ningunha colaboración do Concello e incluso afean as esixencias de limpeza do recinto onde se celebrou o acto solidario.

O Concello colaborou na medida das súas posibilidades e en todo aquilo que se lle solicitou, entre outras cousas:

– Non cobrou ningunha taxa por tratarse dun acto de carácter solidario

– Prestou 100 cadeiras

– Situou na carpa dous colectores de lixo de 800 litros cada un

En canto á limpeza do recinto, esta era unha das condicións recollidas nos pertinentes permisos municipais para a celebración do acto, condicións que en todo momento foron aceptadas polos organizadores. A propósito da citada limpeza, non é certo que a directiva do CCU cumprise co seu compromiso, xa que o luns pola mañá foi necesario que o Concello advertise á citada directiva sobre a presenza de gran cantidade de lixo esparexido por toda a superficie da carpa e a convidase a retiralo, mentres que os colectores alí instalados case estaban baleiros.

Presumen desde o CCU de ter cumprido con tódolos requisitos da lei e, desde o Concello, lamentamos non poder darlles a razón, xa que solicitaron permiso para un acto no que participarían arredor de 300 persoas e, finalmente, a cifra de persoas congregadas ascendeu a 2.800, segundo datos que eles mesmos facilitan. Para unha actividade que reúne a 2.500 persoas nunha instalación pechada desmontable sería preciso, como indica a lei, contar cun plan de auto protección, plan do que carecían.

O Concello non entende o carácter belixerante da directiva do CCU respecto do Goberno Municipal, algo que non é novo e que se repite con demasiada frecuencia. Esta actitude fainos pensar que membros desta directiva agochan outras intencións que van máis alá da defensa e a promoción do comercio local.

O Concello sempre colaborou co comercio local, e vaino seguir facendo, independentemente das críticas e ataques que permanentemente recibe da directiva do CCU, acusacións que habitualmente son tan falsas e infundadas como no caso que nos ocupa. No vindeiro ano o Concello asinará un convenio co CCU no que se recollerá a achega de 20.000 € a esta asociación para que os destine á realización de actividades.

19 de novembro de 2014 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.