O Concello de Ferrol desenvolve diferentes programas sociais
O Concello de Ferrol recibiu catro subvencións, dúas da Xunta de Galicia e outras dúas da Deputación Provincial da Coruña, para diferentes programas e a prestación de servizos que está a desenvolver a Concellería de Benestar Social que dirixe Rosa Martínez Beceiro. Así, o organismo autonómico outorgou 40.707,34 euros á Administración ferrolá en concepto de dúas achegas para os programas dirixidos á inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras en risco de exclusión -3.000 euros-; e de persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia (RISGA) -37.707,34 euros-.
Ademais, a Deputación da Coruña concedeu dúas axudas económicas que contribúen ao servizo de “Axuda no Fogar” e ao programa de “Envellecemento Activo”, que ascenden no seu conxunto a un total de 46.834,56 euros. No que atinxe ao servizo de axuda no fogar, a Administración provincial concede unha subvención de 43.834,56 euros, para este servizo que permite aos seus usuarios recibir no seu domicilio atencións de carácter persoal para actividades básicas da vida cotiá ou doméstico e da vivenda para mellorar o seu contorno.
Ademais, o Concello de Ferrol tamén recibiu o apoio económico da Deputación para o programa de envellecemento activo, unha das liñas de traballo promovidas pola Concellería de Benestar Social. Unha total de 3.000 euros achegados polo organismo provincial contribuirán á programas e actividades de estimulación cognitiva, obradoiros de memoria e a ximnasia mental dos maiores.











