O Concello de Ferrol colaborará coa plataforma Stop Guardarraíles nun estudo de detección de puntos perigosos
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, recibiu esta mañá no seu despacho ao representante da Plataforma Stop Guardarraíles e do grupo de motoristas Héroes del Viento, Félix Prados, co obxectivo de abordar diferentes temas. O Concello colaborará coa plataforma na realización dun estudo para a detección de puntos perigosos para motoristas en viarios de titularidade municipal co obxectivo de mellorar a súa seguridade, así como a instalación en puntos de sistemas de protección para motoristas que eviten cortes en caso de accidente.
O primeiro edil da cidade tamén coñeceu de primeira man a nova iniciativa solidaria que a agrupación de motoristas “Héroes del Viento” vai realizar en colaboración coa Concellería de Benestar Social. Trátase dunha recollida de alimentos non perecedoiros cuxo acto central terá lugar o día 13 de decembro nos pavillóns 1 e 2 do recinto feiral de Punta Arnela e que entregará á delegación ferrolá do Bancos de Alimentos. Esta campaña comezou o pasado 1 de novembro con 60 puntos de recollida en Ferrol e comarca. Durante a xornada do vindeiro día 13, participará unha escola de motoristas de Pontevedra coa realización de sesións de adestramentos de minimotos con nenos e nenas.











