O Concello de Fene respalda a actividade das entidades veciñais, culturais e deportivas con subvencións que suman 17.000 euros
O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e os representantes de entidades e asociacións veciñais, culturais e deportivas do municipio, así como da ANPA do CEIP Centieiras, asinaron esta mañá na casa consistorial os convenios de colaboración que recollen as subvencións nominativas do 2014. Unhas subvencións coas que, segundo explicou o rexidor, o Concello quere fomentar e apoiar as actividades do tecido asociativo. Nesta liña,Gumersindo Galego lembrou que cando asumiu as responsabilidades de goberno en Fene adquiriu o compromiso de abrir a máis entidades esta liña de subvencións para atender da mellor forma posible as súas necesidades. E así está a ser, xa que nos últimos tempos se unía á relación de beneficadas, entre outros, o CMI Unidade de Fene.
Así as cousas, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, explicou que o conxunto dos convenios suman preto de 17.500 euros e van destinadas, polo miúdo, á ANPA do CEIP Centieiras (1.973 euros para contribuír ao mantenemento do comedor escolar); AVV de Magalofes (1.000 euros para a organización da Festa do Potro); AVV Santa Eulalia de Limodre (1.000 euros para a organización da Festa da Orella); Asociación Cultural Felicia (4.000 euros para a organización do Felipop 2014); CMI Unidade de Fene (1.000 euros para o Premio Pérez Parallé; unha axuda que comezaba a prestarse en 2011 con 500 euros e que este ano o Concello decidiu duplicar ata os mil); Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene (4.000 euros para a organización da Xuntanza de Gaiteiros); O Pote de Maniños (500 euros para a organización da Festa da Ameixa), CRD O Pote Maniños (2.500 euros para a Romaría do Pote) e Club Escudería Scratch de Fene (1.500 euros para a organización do Slalom Fene que se celebrará a próxima semana no municipio).
Por último, a concelleira de Cultura sinalou que a liña de subvencións contemplaba inicialmente unha achega para a asociación Os Centolos de cara á edición do Fenerock. O feito de que o Concello entrase este ano como co-organizador, asumindo a metade dos seus gastos, levou aos promotores a renunciar á citada subvención.











