O Concello de Fene fai un chamamento á veciñanza para que comunique a demanda de novos nichos
O Concello de Fene quere coñecer a demanda de novos nichos por parte da veciñanza coa intención de proceder á súa construcción a medio prazo sempre e cando existise esa necesidade no municipio. Así o anunciou esta mañá o alcalde, Gumersindo Galego. Engadiu que, con esa finalidade, dende a Concellería de Servizos e Medio Ambiente, competente neste espazo, faise un chamamento a veciños e veciñas para que trasladen esas peticións ao Concello. O modo de facelo é sinxelo. Tanto como comunicalo por escrito no Rexistro Xeral de entrada da casa consistorial. De luns a venres, de 8,30 a 14 horas e sábados de 9,30 a 13,30 horas.
En todo caso, o rexidor explicou que dita comunicación non implica a adquisición de ningún compromiso para as partes interesadas –Concello e persoas que pretendan a concesión de novos nichos-. Dependerá en todo caso do número que se reciban para plantear así a construcción desa nova fase de nichos. Así mesmo, Gumersindo Galego tamén avanzou a intención do equipo de goberno de crear no mesmo cemiterio municipal unha área con columbarios. Facilitaríase así o depósito das furnas cos restos mortais das incineracións, evitando que as familias tivesen que costear un nicho para tal fin e reducindo deste xeito os gastos que deben soportar.
De igual xeito, o alcalde sinalou que o goberno municipal plantéase mellorar a accesibilidade do camposanto mediante a construcción dunha rampa de entrada ao edificio de recepción. Así, facilitaríase o seu uso por parte de persoas de avanzada idade e aquelas con problemas de mobilidade ou diversidade funcional. Unha intervención que se sumará así ás realizadas hai un ano no lugar, cando o executivo local destinaba un investimento de 200.000 euros para o acondicionamento das cubertas de todos os panteóns, ata ese momento moi deteriorados polo paso do tempo. Realizouse un tratamento de resinas e máis procedeuse ao pintado e acometeuse a súa impermeabilización.











