O Concello de Fene completa as obras de mellora consensuadas cos centros educativos do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

Tal e como se comprometera o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, coa comunidade educativa do municipio no último Consello Escolar do pasado curso, o Concello levou a cabo nos últimos meses unha serie de actuacións de mellora nos centros de ensinanza de Fene. As últimas, na escola unitaria de Sillobre e no colexio de Barallobre. Na primeira, unha cuadrilla de operarios municipais concluía a semana pasada os traballos de pintado da fachada do inmoble principal e do anexo que funciona como sede da ANPA, así como a reparación das tellas da cuberta que, ata a data, provocaban filtracións de auga no intererior nos meses de choiva.

Así mesmo, no colexio de O Ramo, en Barallobre, realizábase o arranxo das pasarelas exteriores debido ao seu avanzado estado de deterioro. Unha actuación que se sumou á realizada este verán para a ampliación do comedor escolar. Obras que permitiron prácticamente duplicar a súa capacidade –de 11 a 21- e facilitar así o acceso do alumnado a este servizo.

Previamente, e sempre no marco dos compromisos adquiridos polo rexidor, o Concello xestionaba coa Consellería de Educación a sustitución da carpintería metálica do colexio Os Casais, en Maniños. Unha intervención que financiou a Xunta de Galicia cun investimento duns 100.000 euros.

Nestes momentos, o alcalde sinala que os operarios están a traballar tamén na automatización da entrada do colexio A Xunqueira de San Valentín. Neste centro, incorporaráse ao portalón de entrada un sistema para a apertura automática dende o interior. Tarefas que os operarios municipais prevén rematar nos próximos días para así, estar en condicións de proceder á instalación da infraestructura no colexio.

Todas e cada unha destas actuacións nacen do consenso alcanzado nas reunións dos consellos escolares. Neles, a comunidade educativa traslada ao alcalde e á concelleira de Educación, Juana Barro, as súas demandas máis urxentes. Unha xuntanza que se celebra a finais do curso para programar o grosso dos traballos no verán e interferir o menos posible no curso. En outubro, e iniciado este, convócase unha nova reunión para facer exame do realizado e traballar o pendente.

11 de novembro de 2014 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.