publicidade hoxe

O Concello de Cervo reúnese en Madrid con responsables da Tesorería para tentar solucionar un problema xudicial do ano 1991

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e técnicos municipais reuníronse hoxe con responsables da Tesorería General de la Seguridad Social en Madrid para buscar solucións a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que condena ao Concello de Cervo a retrotraer o expediente de reparcelación da Unidade de Actuación do Hospital de Burela.

Para explicar a situación actual é importante coñecer a orixe dos feitos. No ano 1991 o Concello de Cervo en mans do PSOE, e cando Burela aínda formaba parte de Cervo, fixo unha reparcelación dos terreos do Hospital. Naquel momento tamén gobernaba o PSOE no Estado. Dezaseis anos despois, no 2007, na época de Zapatero e pouco antes das eleccións municipais, a Tesorería General de la Seguridad Social decide denunciar esa mesma reparcelación.

Ante esta situación, o Concello de Cervo encárgalle a defensa xurídica á Deputación. Sen embargo, o resultado non é favorable e en maio de 2014 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condena ao Concello de Cervo a retrotraer o expediente de reparcelación. É dicir, a Xustiza considerou como mal feita a reparcelación que 23 anos antes fixeran o PSOE en Cervo e o PSOE en Madrid.

Desta maneira, segundo a sentenza, o Concello de Cervo tería que deixar sen efecto a reparcelación nuns terreos que hoxe en día pertencen a outro concello, o de Burlea, e nos que Cervo non pode actuar. Polo tanto, a decisión do TSXG é imposible de realizar. Por ese motivo, dende maio deste ano, o Concello de Cervo está en contacto coa Tesorería para tentar chegar a un acordo e a reunión de hoxe é un paso máis nesas conversas.

Unha situación “surrealista”

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, cualifica de “surrealista” a situación creada polas diversas administracións socialistas. “Primeiro o PSOE no Concello de Cervo e o PSOE no Estado fan a reparcelación e, 16 anos despois a Tesorería, tamén en mans do PSOE, denuncia esa mesma reparcelación que ao final a Xustiza considera mal feita”, explica o rexedor. “É incrible que agora, pasados 23 anos, os veciños de Cervo teñan que pagar un problema xudicial provocado polo PSOE e denunciado polo mesmo PSOE”.

25 de novembro de 2014 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.