O Concello de Carballo recibe as bandeiras que acreditan os certificados internacionais de calidade para as súas praias

Carballo recibe as bandeiras que acreditan a calidade das súas praias
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, xunto co Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, e o responsable de Protección Civil de Carballo, Javier Souto Facal, veñen de recibir de mans do Director da delegación de Aenor en Galicia, Martín Pita, e do Director xerente de Corporación Laber, Antón García, as tres bandeiras -unha para Razo, outra para Baldaio-As Saíñas e a terceira para Pedra do Sal- que acreditan a concesión de dúas certificacións internacionais que avalan a calidade medioambiental e de xestión de servizos das praias do municipio. Trátase do ISO 14.001 e do Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), este último cualificado por Martín Pita como o “sistema máis esixente que hai no mundo a nivel ambiental”. Segundo explica Pita, dende primeiros deste ano téñense realizado numerosos controis de augas, de servizos e mesmo da area das praias para acreditar un bo servizo para o cidadán e tamén “de protección do medio ambiente”. Subliña que a obtención destas certificacións vai ter repercusión nos usuarios e usuarias, xa que a melloría “nótase cando se traballa seguindo un método e un sistema”.
Lembra que Carballo xa contaba cun certificado ISO 9000 para formación, dando o salto agora cara ao medio ambiente. Espera que o exemplo seguido polo Concello, primeiro na Costa da Morte en emprender o proceso de certificación para os seus areais, sexa seguido por outros municipios da contorna, porque estes distintivos “non son só para empresas, xa que a administración tamén ten a responsabilidade de liderar e dar exemplo”. Así mesmo, Antón García, de Corporación Laber, explicou que a obtención das certificacións xorde a través dun proceso no que se implantan normas de calidade e no que se comproba que se cumpre a lexislación máis esixente a nivel europeo. Sinala que a obtención dos distintivos notarase tamén en caso de darse algunha situación de emerxencia, xa que o Concello conta agora cun “sistema documentado de ensaio que valida calquera emerxencia con accións correctoras e preventivas que minimicen a posibilidade de que volva a darse esa situación no futuro”. García tamén quere agradecer a colaboración do persoal de Protección Civil de Carballo xa que “tivo que mudar hábitos” para validar as súas accións e “puideron demostrar con evidencias o traballo realizado nos últimos anos”. Espera que estas certificacións sexan o comezo dun traballo continuo para seguir mellorando, xa que o ano que vén volverán realizarse as auditorías para comprobar que se seguen a cumprir os parámetros nun proceso constante de avaliación da calidade.
Así o expresou tamén o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, que subliña que os certificados son unha forma máis de resaltar o “compromiso do Concello do medio ambiente” e a vontade de emprender un proceso de “mellora continua”. Do mesmo xeito o Alcalde, Evencio Ferrero, salientou que o Concello tentou conseguir os máis elevados certificados de calidade que permite a lexislación para reflectir o compromiso da administración local coas praias do municipio. Tamén mencionou o “proceso laborioso” e o “inmenso traballo” realizado polo persoal que presta o servizo, e espera “seguir traballando día a día” a prol de obxectivos relacionados coa sostibilidade e a protección ambiental e que “haxa imitadores deste paso dado por Carballo” entre os municipios da contorna, camiñando a modelos de calidade “como o de Euskadi”, un recoñecido exemplo a seguir.











