O Concello de Carballo e APEM colaboran para que os membros da entidade fagan uso do Horto Infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Concello dá un paso máis dentro do proxecto do Horto Infantil Ecolóxico Municipal avanzando a prol da diversificación das instalacións e da integración. Así, a través dun acordo entre a administración local e APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais) os usuarios e usuarias da sede da entidade en Carballo -situada na rúa Papoulas, moi preto do Horto na rúa Nardos- traballarán nos próximos meses nos cultivos e nas actividades do Horto nun proxecto que persegue “un Carballo máis xusto e consciente”, en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e que ofreza “oportunidades para todos”, segundo subliña o Alcalde, Evencio Ferrero. Nun primeiro momento, e aproveitando o parón nos obradoiros de tarde dos cativos e cativas, que debido á falta de luz dos meses de inverno non volven ata o 9 de febreiro, os usuarios e usuarias de APEM visitarán o Horto unha vez á semana para evitar que o traballo dos nenos e nenas se bote a perder e continuando co seu labor coidando os bancais. Porén, Regueira explica que está previsto incrementar as actividades no futuro, incluso celebrando cursiños específicos para os membros de APEM. De feito, non é a súa primeira incursión nas instalacións da rúa Nardos, que xa coñeceron e nas que estiveron traballando a primavera pasada de man de Senda Nova.

No futuro está previsto seguir ampliando as actividades do Horto Ecolóxico colaborando tamén con outros colectivos, como as asociacións de maiores do municipio, porque “para o Concello sempre é un obxectivo fundamental facer políticas integradoras”, segundo Regueira. Ademais da actividade no Horto -coa que tamén colaboran deixando residuos para a creación de compost- está previsto, así mesmo, que as usuarias e usuarios e APEM, especialmente cando as condicións meteorolóxicas melloren, traballen para adecentar varios puntos da capital municipal nos que se teñen realizado murais da iniciativa “Derrubando muros con pintura”. Así, traballarán para crear pequenos espazos verdes para obras como por exemplo a de Emi de las Heras, situada na contorna do Parque Rego da Balsa na rúa Perú e inspirada no mundo do circo.

Está previsto retirar as silveiras e crear uns pequenos parterres para acondicionar este espazo e está previsto que se realicen actuacións similares noutras pinturas da capital municipal A psicóloga do centro de APEM en Carballo, Isabel Varela, quixo expresar o seu agradecemento ao Concello porque “dar visibilidade á enfermidade mental é complicado” e proxectos como o do Horto Ecolóxico, ademais de ser “integradores”, “dignifican”, ademais de que conseguir sacar aos usuarios e usuarias das instalacións “dá moito folgo”. A monitora que supervisará o labor dos membros de APEM no Horto, Evangelina Fondo, manifestou tamén o seu recoñecemento para a administración local por un proxecto “co que todos estamos encantados”. Evencio Ferrero pechou a presentación das actividades sinalando que o Horto Infantil é “unha experiencia singular en Carballo”, que ten “marca propia” e que “se percibe como unha iniciativa moi motivadora para o alumnado e agora tamén para o conxunto da sociedade”, nomeadamente cunha nova faciana que se pon agora en marcha “moi enriquecedora”.

11 de novembro de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.