O Concello de Carballo alegará o Informe de zonas inundables de Augas de Galicia
O Concello de Carballo, despois de abordar o asunto esta semana nunha xuntanza da Comisión de Urbanismo e Medio Rural, presentará alegacións ao Informe de zonas inundables delimitadas do municipio realizado de acordo cos Mapas de perigosidade e risco de inundacións costeiras e fluviais da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa elaborados pola Xunta de Galicia e neste momento en período de exposición pública. Segundo explican o Alcalde, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, este informe ten un “grave impacto sobre o Concello”, o que se reflicte na análise realizada pola Oficina Técnica Municipal sobre como repercute o recollido neste documento tanto no casco urbano como no resto do territorio.
As conclusións indican que arredor do río Anllóns resultarían afectadas un total de 589 parcelas vacantes e 544 parcelas edificadas, cun total de 2.147 vivendas afectadas no treito que transcorre entre a Ponte da Milagrosa e o Muíño do Quinto. A maioría delas pasarían a ser “zona de dominio público hidráulico”, ou “zona de fluxo preferente”, polo que non se podería construír nesas áreas. Seguindo con outras zonas, arredor da canle do río Grande (en Rus, Entrecruces e Ardaña) estarían afectadas 340 parcelas vacantes e 6 construídas; en Rego da Balsa estarían afectadas 99 vacantes e en Queo e Abaixo, 46 vacantes e 1 edificada; por último, en Razo e Oza, resultarían afectadas 169 parcelas vacantes e 19 construídas. En resumo, o informe tería impacto en máis de 2.200 vivendas en todo o municipio e en arredor de 1.000 parcelas vacantes nas que non se podería construír.
Ademais de a vivendas e parcelas tanto no casco urbano coma no medio rural, o mapa tamén afectaría a industrias tan importantes na vila como Conservas Calvo ou mesmo aos terreos da Igrexa parroquial. Por todo o anterior, o Concello presentará alegacións a este informe antes de que remate o prazo, o 9 de decembro deste ano, ante as posibles e “considerables consecuencias urbanísticas e económicas”, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. Hai que mencionar que este informe tamén podería ter repercusión no proceso para a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal, xa que nestes momentos está pendente de recibirse a Memoria Ambiental necesaria para aprobar o PXOM, memoria que, á súa vez, depende dun informe que debe elaborar Augas de Galicia. O organismo xa ten falado cos responsables municipais sobre o posible efecto dos datos recollidos nos Mapas de perigosidade e risco de inundacións costeiras e fluviais no informe preceptivo que deben elaborar para o Plan Xeral e que debería estar listo a primeiros do mes de decembro. En todo caso, á espera dos datos que se reflictan na Memoria Ambiental, o Concello xa ten decidido alegar.











