publicidade hoxe

O Concello de Cambre homenaxea a David Pisani

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+
Homenaxe a David Pisani

Homenaxe a David Pisani

O Concello de Cambre realizou hoxe unha homenaxe póstuma a David Pisani Rego, responsable do Servizo de Emerxencias e Protección Civil de Cambre, que faleceu o pasado mes de setembro. A Corporación Municipal, o presidente da Deputación, Diego Calvo, alcaldes e concelleiros da área metropolitana, membros de Protección Civil de concellos limítrofes, Agrupación de Voluntarios, veciños e familia de David, asistiron hoxe ao “bautizo” da base de Protección Civil co nome do que fose responsable do servizo.

O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, en nome de todos os cambreses expresou o pesar do Concello pola perda dunha gran persoa e un gran traballador, que dedicou gran parte da súa vida e esforzos a salvagardar as vidas de miles de cambreses e en facer do Servizo de Emerxencias de Cambre que dirixía un exemplo para o resto da área metropolitana. Recentemente o pleno da Corporación aprobou cos votos a favor de todos os concelleiros que a nova Base de Protección Civil de Os Campóns leve o seu nome. “Hoxe é un día importante para este municipio. Hoxe rendemos homenaxe póstuma ao principal impulsor do servizo de Protección Civil de Cambre, a un home que traballou como ninguén en velar pola seguridade dos nosos veciños, a un home que foi, é e será por sempre un exemplo para todos nós.”, explicou Rivas.

Tras os discursos da familia Pisani, representante da Policía Local e de Protección Civil, e o alcalde destapouse o novo nome da base e entregouse á familia uns obsequios en recordo do homenaxeado.

Pisani iniciou a súa etapa profesional no ano 1996 como Policía Local de Cambre, posteriormente continua a súa traxectoria como voluntario de protección civil no ano 1999 onde colabora de forma altruísta. No ano 2001 púxose á fronte da agrupación como presidente da mesma, a partir desa data, a agrupación de voluntarios de Cambre pasou a ser referencia para todas as agrupacións da contorna metropolitana. Xa en 2003 accede ao posto de coordinador do Servizo de Emerxencia e Protección Civil de Cambre, momento no que este servizo de seguridade cobra unha gran relevancia ao levar a cabo iniciativas e proxectos que consolidarán ao SEMPC como un departamento esencial para a seguridade en toda a comarca das Mariñas. Entre as propostas que puxo en marcha destacan a formación do Bombeiro Voluntario, e o grupo ecuestre-o primeiro en Galicia- formado para a vixilancia e procura dos montes de Cambre. O Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil arrincou baixo a súa dirección cun profesional e un todo terreo e hoxe en día o corpo conta con seis axentes, catro vehículos de emerxencias, dúas todo terreos. A súa preocupación foi ter unha base propia, o seu gran empeño, e tras anos de espera esa base, a cuxa inauguración non puido asistir, levará desde hoxe o seu nome tras o acordo plenario do mes de xullo.

28 de novembro de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.