publicidade hoxe

O Concello de Becerreá mantén a súa oferta de declarar a Teresa Romero filla adoptiva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Becerreá (Lugo), o socialista Manuel Martínez, insistiu en que o Concello “mantén en pé” a oferta a Teresa Romero para distinguila co titulo de filla adoptiva.

Non obstante, avogou por “esperar” e dixo que intentará poñerse en contacto coa auxiliar de enfermaría que se repuxo da infección do ébola “hoxe -por este venres- ou a próxima semana e concretar o tema”. “Que, segundo a información que me chega da prensa, vai aceptar”, apostilou.

Será a través dunha “proposición da Alcaldía para nomeala filla adoptiva e nun pleno extraordinario concederíaselle ese titulo”, precisou Martínez.

“Para nós é un orgullo e unha satisfacción pola súa solidariedade antes de contraer o ébola, durante e despois, tamén pola súa coraxe e valentía”, destacou.

Con iso, Becerreá quere “compensar a chapuza e a mala xestión de algo que se tiña que facer doutro xeito, tanto en Madrid como aquí, porque hai que recordar que o único que defendeu o impresentable do conselleiro de Sanidade de Madrid, cunha ruindade e mesquindade para un responsable público, foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo”.

Neste sentido, criticou que “Feijoo dixo que era un magnífico profesional e non o desmentiu”. “Creo que debía de coincidir connosco e todo o mundo, non sei se Ana Mato ten que marchar, pero o conselleiro de sanidade de Madrid debería irse para casa”, engadiu.

É “un recoñecemento a esa coraxe e esa entrega que demostrou durante toda a enfermidade e que demostra agora poñendo os recursos que ela ten de doar o seu sangue, e eses actos hai que recoñecelos”, finalizou o rexedor.

7 de novembro de 2014 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.