publicidade hoxe

O Concello de Becerreá declara filla adoptiva á auxiliar Teresa Romero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A auxiliar de enfermaría que superou o ébola e natural do municipio lucense de Becerreá, Teresa Romero, foi designada filla adoptiva do seu Concello nun pleno que se celebrou este xoves co único motivo de outorgar esta distinción.

Pola súa banda, o PP abstívose na votación baixo a xustificación, expresada pola súa voceira, María Jesús Roldán, do “incorrecto xeito de actuar” que os populares atribúen ao rexedor. O BNG tamén se abstivo.

Roldán criticou que, malia estar a gobernar en minoría, o alcalde se negou a informar e consensuar este nomeamento cos demais grupos políticos.

Os populares tamén queren deixar claro que “ven favorable” que Teresa Romero sexa homenaxeada, pero insistiron en que “debería ser unha iniciativa conxunta, de todas as forzas políticas”.

Non obstante, o alcalde, o socialista Manuel Martínez, destacou que se fai baseándose na “solidariedade”. Así, antes de entrar no pleno, aludiu á “persecución” que sufría Teresa Romero tras a “chapuza” das autoridades sanitarias.

A nai da auxiliar vive nese concello da Montaña lucense, a onde ela foi despois de recibir a alta hospitalaria do centro de referencia Carlos III de Madrid.

EN DECEMBRO

Con todo, aínda non hai unha data concreta para a entrega do título de filla adoptiva, aínda que espera que “se non é para a ponte da Constitución”, se poida levar a cabo en Nadal.

Concretamente, esta distinción consiste nun diploma e un alfinete coa representación do escudo do Concello de Becerrea.

O REGULAMENTO DO CONCELLO PON EN PERIGO O NOMEAMENTO

O regulamento do Concello de Becerreá pon en perigo o nomeamento de Teresa Romero como filla adoptiva do municipio do que é orixinaria, xa que esixe maioría absoluta ou de dous terzos para poder realizarse este recoñecemento.

A resolución, na que se di que “queda nomeada filla adoptiva” Teresa Romero, foi aprobada polo pleno cos votos do PSOE e a abstención do PP e do BNG.

En declaracións, o alcalde, o socialista Manuel Martínez, explicou que se necesitaría un voto máis, se se atende a esa norma. Este venres estudarase a resolución no Concello.

De non poder seguir adiante con este recoñecemento, o rexedor, explicou, “pediría desculpas pola metedura de pata” á auxiliar que conseguiu superar o virus do ébola.

“Pensaba que o sentir do pobo ía ser asumido polos grupos do goberno e a oposición”, estimou Manuel Martínez, quen lamentou que PP e BNG non apoiasen a proposta.

27 de novembro de 2014 | 20:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.