O Concello da Laracha solicita a colaboración da Deputación para programas sociais e medioambientais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Xunta de Goberno Local reuniuse hoxe nunha sesión ordinaria na que se acordou solicitar a participación do Concello da Laracha en diferentes convocatorias de subvencións da Deputación Provincial da Coruña para o cofinanciamento de programas de servizos sociais durante o próximo ano.

Con cargo ao Plan de financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais no exercicio 2014 asumiríanse parte dos custos do persoal adscrito a este departamento (concretamente, dous auxiliares administrativos, un técnico de grao medio) e tamén da prestación do servizo de axuda a domicilio básico (o de dependentes é subvencionado por parte da Xunta de Galicia).

En relación ao Programa para políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero, a achega económica que solicita o Concello da Laracha á Deputación da Coruña destinaríase ao cofinanciamento do Programa Harmoniza, que inclúe o mantemento da aula lúdica municipal, un servizo gratuíto de axuda á conciliación para familias con nenos de entre tres e doce anos ao seu cargo.

No referido ao Programa para o desenvolvemento de actividades dirixidas ao envellecemento activo das persoas maiores, a finalidade da subvención é manter os centros sociais da terceira idade que están en funcionamento na Laracha, Paiosaco e Caión, así como a organización de cursos de ximnasia de mantemento e de alfabetización e memoria. Tamén se inclúen nesta convocatoria os Seráns de Baile que se realizan cada semana, alternativamente, en A Laracha e Paiosaco.

A ampla cobertura en servizos sociais que se ofrecen á poboación co obxectivo de mellorar a calidade de vida e facilitar a conciliación dos veciños con cargas son cuestións prioritarias na axenda do goberno local do Concello da Laracha. Neste sentido é fundamental a colaboración da Deputación Provincial da Coruña -como é o caso destas solicitudes de subvención- e tamén da Xunta de Galicia para o seu cofinanciamento.

Programas medioambientais

Por outra banda, tamén se solicitará a colaboración económica da Deputación Provincial da Coruña no cofinanciamento da organización de programas medioambientais ao longo do ano 2015.

O Concello da Laracha pretende desenvolver catro xornadas de diverso contido e características características e que terían por propósitos a realización dun obradoiro de reciclaxe e a limpeza ambiental e acondicionamento do leito do río Anllóns, o sendeiro azul de Caión, a área recreativa de Gabenlle e o miradoiro de Santa Marta.

A previsión é realizar estas xornadas de educación ambiental durante a próxima época estival.

Licencias urbanísticas

Na sesión de hoxe tamén se outorgou licenza de obra para a construción dunha vivenda unifamiliar.

Facturas

Salientar, por último, a aprobación da autorización para o pagamento das facturas correspondentes á prestación do servizo integral de abastecemento, tratamento e depuración de augas á empresa concesionaria correspondente ao terceiro trimestre deste ano, o servizo de limpeza de edificios municipais durante o último mes e a correspondente á primeira quincena de novembro das brigadas de incendios.

Entre as tres facturas suman un importe próximo aos 65.000 euros.

 

24 de novembro de 2014 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.