O Concello da Laracha renova o parque móbil municipal con dous vehículos híbridos
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reuniuse en sesión ordinaria, sendo o asunto máis destacado a apertura de plicas e clasificación das ofertas presentadas ao procedemento de adquisición de dous vehículos híbridos cos que se renovará o parque móbil municipal.
Ambos automóbiles están valorados conxuntamente en 39.000 euros e o Concello da Laracha contará para o seu cofinanciamento cunha achega da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia que cubrirá o setenta por cento desa cantidade con cargo á liña de axudas de natureza competitiva do Fondo de Compensación Ambiental.
Deste xeito o Concello da Laracha incorporará dous novos vehículos, que serán empregados exclusivamente para o desenvolvemento de servizos municipais. Unha vez se dispoña dos mesmos, o goberno local proporá ao Pleno da Corporación municipal desafectar os coches que actualmente están en uso para esas funcións; trátase de vehículos que superan os vinte anos de antigüidade, que no seu momento foran empregados pola Policía Local e que a día de hoxe se están a quedar obsoletos polas súas características, alto consumo e gastos de mantemento por reparacións mecánicas.
Os novos automóbiles cos que se modernizará a flota municipal serán respectuosos co medio ambiente ao contar cun motor metade eléctrico e metade de combustible sendo, por tanto, menos contaminantes e presentando un consumo máis reducido, o que tamén implicará un aforro económico para as arcas municipais.
Ao longo dos últimos anos o Concello da Laracha acolleuse a este tipo de liñas de subvencións convocadas pola Xunta de Galicia para renovar o parque móbil municipal, sempre acudindo a vehículos de baixo consumo e respectuosos co medio ambiente. No ano 2008 incorporouse un automóbil á Policía Local e dous anos máis tarde, en 2010, adquiriuse outro especialmente equipado para ser empregado polo equipo de pronto auxilio da agrupación de Protección Civil da Laracha.
Facturas e licenza urbanísticas
Na sesión de hoxe foron aprobadas facturas por un importe total duns cincuenta mil euros correspondentes á obra de mellora do recinto feiral de Paiosaco e ao servizo prestado polas brigadas de incendios ao longo do mes de outubro.
Por último, concedeuse unha licenza urbanística para a construción dunha vivenda unifamiliar.











