O Concello da Laracha reduce a súa débeda viva nun 30%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Pleno da Corporación municipal da Laracha reuniuse hoxe en sesión extraordinaria, sendo un dos puntos máis destacados da orde do día a aprobación do suplemento de crédito por un importe de 63.399,45 euros que se destinarán a amortizar anticipadamente a única operación de préstamo aberta con entidades bancarias. Nesta cuestión votaron a favor tanto o grupo do goberno como o dos socialistas. Os nacionalistas abstivéronse.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, explicou que a liquidación do exercicio económico 2013 deixou un remanente que, segundo establece a Lei de estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financeira, unicamente podía empregarse para actuacións de investimento financeiramente sostibles ou para amortizacións de débeda. Despois das actuacións xa realizadas polo Concello con cargo a ese remanente, a cantidade sobrante destínase agora a pagar anticipadamente o citado crédito aberto.

O rexedor municipal ofreceu como dato salientable que, tras esta amortización anticipada, a débeda viva do Concello da Laracha situarase nuns 127.000 euros que deberán abonarse nos tres próximos anos. É por iso que nos próximos orzamentos o capítulo de gastos en pasivos financeiros aliviarase e será duns 42.000 euros, cantidade que dista moito –case dez veces inferior- dos 405.000 euros que se reservaran para o mesmo fin no ano 2011.

A redución da débeda –e os correspondentes intereses da mesma aos que o Concello da Laracha xa non terá que facer fronte- permitirá no presuposto dos vindeiros exercicios incrementar o crédito para “investimentos reais ou para a prestación de novos servizos”, tal e como apuntou López Varela, que concluíu considerando que se trata “dunha situación bastante razoable para a época actual e que nos permitiría, no caso de ser necesario, acudir a unha nova operación de préstamo”.

Toma de posesión da nova concelleira

O primeiro punto da orde do día do Pleno celebrado hoxe foi a toma de posesión de Lucía Varela Rabuñal como nova concelleira do grupo de goberno (Partido Popular) en substitución de Jesús Varela, que renunciara á acta por motivos laborais.

Lucía Varela Rabuñal, que xa participou hoxe como edil na sesión plenaria, ten 27 anos de idade (é a concelleira máis nova da Corporación), é natural da parroquia de Lendo e está diplomada en Relacións Laborais.

O alcalde deulle a benvida e impúxose a medalla de concelleira.

Liñas fundamentais do orzamento de 2015

A continuación, e en cumprimento da Lei de estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financeira, deuse conta das liñas fundamentais do orzamento de 2015 que, tendo en conta a situación actual, a previsión é que se incremente nun dous por cento con respecto ao do exercicio en curso.

O alcalde explicou que se trata dun “trámite de información que pide o Ministerio e que se limita a datos puramente estatísticos”. Tamén avanzou o rexedor municipal que o departamento de intervención está a traballar na elaboración dos novos orzamentos e que probablemente poidan presentarse á Corporación no Pleno ordinario que se celebrará a finais de mes.

Mosteiro de Soandres

Cos votos a favor do grupo de goberno (PP) e do PSOE e a abstención dos dous concelleiros do BNG aprobouse a declaración de especial interese ou utilidade municipal do proxecto de restauración do interior do mosteiro de San Pedro de Soandres, que promove e financiará integramente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, investindo 166.000 euros.

O acordo de hoxe permitirá aplicar unha bonificación do setenta e cinco por cento no imposto sobre construcións, instalacións e obras, tal e como establece a ordenanza fiscal número 17. Por tanto, a Xunta de Galicia deberá afrontar unicamente o pagamento de 720,75 euros por ese concepto, ascendendo o aforro a 2.162,24 euros.

O alcalde mostrouse “contento” pola decisión da Consellería de Cultura de acometer esta actuación “no edificio máis representativo a nivel histórico, patrimonial e mesmo turístico” do Concello da Laracha, afirmando que “o importante é facer a obra e non cobrar taxas”.

José Manuel López Varela aproveitou esta ocasión para adiantar que nos orzamentos do próximo ano está previsto incluír unha partida económica dirixida a expropiar os terreos sobre os que se sitúan o castro de Montesclaros (xacemento da idade de ferro situado na parroquia de Vilaño) e a pedra fita Marco da Anta, tamén coñecida como Pedra do Ghicho, situado en Loureiro (parroquia de Erboedo) e que é o único menhir destas características que existe na Costa da Morte. Ambos elementos están protexidos polo Plan Xeral de Ordenación Municipal e o Concello da Laracha pretende desenvolver actuacións para poñelos en valor.

O rexedor municipal tamén apuntou que o Concello da Laracha ten solicitada á Xunta de Galicia outra obra dirixida a restaurar as paredes interiores e exteriores da igrexa da Nosa Señora do Socorro de Caión.

Por último, avanzou que nos próximos días a Xunta de Goberno Local concederá a correspondente licenza urbanística á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para acometer a obra de construción do novo edificio no CEIP Ramón Otero Pedrayo. “Entre 2014 e 2015 investiranse 1,7 millóns de euros no colexio da Laracha”, apuntou o alcalde referíndose ás diferentes obras de mellora das instalacións do centro educativo que está previsto desenvolver.

Inventario de camiños

Aprobouse por unanimidade a modificación do inventario municipal de camiños, o documento técnico que o goberno local encargou realizar e que inclúe a totalidade das vías e as súas condicións actuais. Para a elaboración deste estudo realizouse a dixitalización do anterior documento –aínda en vigor- e, a continuación, levouse a cabo un extenso traballo de campo para obter información sobre os novos camiños, apoiándose en documentos e ortofotos actuais e históricas. Por últimos, todas as vías foron plasmadas sobre unha base catastral para favorecer a súa comprensión e facilitar a súa utilización.

O novo inventario de camiños inclúe 1.870 referencias e alcanza os 652.930 metros de lonxitude.

Nos próximos días o acordo do Pleno será publicado nos diarios oficiais, abríndose a continuación un prazo de exposición pública de vinte días hábiles no que as persoas que así o estimen poderán presentar alegacións ao documento.

O Concello da Laracha desenvolverá unha campaña informativa, especialmente nas parroquias, co obxectivo de depurar e perfeccionar o documento, nun procedemento no que poderán participar os veciños.

5 de novembro de 2014 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.