O Concello da Laracha inicia unha campaña informativa sobre o novo inventario de camiños
O Concello da Laracha desenvolverá durante as próximas semanas unha ampla campaña informativa sobre o novo inventario de camiños, cuxa modificación foi aprobada con carácter inicial no Pleno extraordinario celebrado o día 5 de novembro.
Trala publicación do acordo no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do pasado venres, o documento estará en exposición pública ata o vindeiro 10 de decembro, período durante o cal calquera persoa poderá presentar as alegacións que estime oportunas co obxectivo de depuralo e enriquecelo.
Para facilitar o acceso ao documento, na sección de avisos do portal cidadán da web municipal xa poden descargarse os planos ao completo. Tamén poden consultarse acudindo ao Concello da Laracha en horario de oficina.
Ademais, para facilitar o acceso ao documento e a súa comprensión, durante o período de exposición pública o técnico redactor do novo inventario de camiños desprazarase ás diferentes parroquias para ofrecer información detallada aos veciños. Neses casos, e para axilizar o procedemento, en cada xornada poderán consultarse en exclusiva os planos das parroquias previamente indicadas. En todos os casos o horario será de 17:00 a 20:00 horas, coa seguinte relación de datas e lugares:
24 de novembro: Caión. Centro social (antiga casa reitoral).
25 de novembro: Montemaior. Escola de Cumiáns.
26 de novembro: Soandres. Centro sociocultural de Campo Medado.
27 de novembro: Paiosaco. Centro sociocultural da Porta Santa. Información sobre as parroquias de Lestón, Coiro e Erboedo.
2 e 3 de decembro: A Laracha. Edificio de servizos múltiples. Información sobre as parroquias de Torás, Lendo, Golmar e Soutullo.
4 de decembro: Vilaño. Centro sociocultural. Información sobre as parroquias de Vilaño, Cabovilaño e Lemaio.
Os encontros que se realizarán nas parroquias co técnico redactor do documento terán carácter meramente consultivo e informativo. As persoas que estimen oportuno presentar alegacións ao novo inventario de camiños deberán facelo seguindo os trámites habituais a través do rexistro central do Concello da Laracha.











