O Concello da Laracha impartirá obradoiros de prevención de violencia e adiccións nos centros de ensino
O Concello da Laracha, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), impartirá nos centros de ensino a partir das próxima semana e durante os próximos meses unha serie de charlas informativas e obradoiros de promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e de prevención de calquera tipo de violencia, malas condutas e adiccións.
No IES Agra de Leborís, os 148 alumnos de 3º e 4º de secundaria (ESO) participarán nun programa de prevención que impartirán conxuntamente o CIM da Laracha e a entidade Agalure (Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados) e que irá dirixido, por unha parte, a fomentar o uso responsable da Internet, novas tecnoloxías e redes sociais –incluíndo os riscos que pode supor para os adolescentes a modalidade de xogo de azar en liña- e, por outra banda, a evitar o acoso escolar e outras condutas impropias que poden presentarse en centros de ensino.
Ademais, os 233 estudantes de 4º, 5º e 6º de primaria dos CEIP de Caión, Otero Pedrayo da Laracha e Alfredo Brañas de Paiosaco, participarán en obradoiros de prevención da violencia de xénero e o acoso e de promoción da igualdade e da corresponsabilidade.
Entre os obxectivos fixados por este programa, que se desenvolve coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, están a toma de conciencia da desigualdade de xénero por parte do alumnado, dotalos de habilidades para identificar situacións de risco ante unha situación violenta, favorecer a participación dos nenos na construción de relacións máis xustas e igualitarias e evitar posibles casos de acoso, ciberacoso e sextorsión (extorsión de tipo sexual).
A metodoloxía destas accións formativas destaca por promover a participación activa dos nenos e a súa reflexión crítica, o que se consegue por medio de debates, realización de traballos manuais, xogos, visionado de anuncios e curtametraxes, contacontos, etc.











