O Concello da Laracha destinará 223.000 euros do POS á mellora da rede viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Pleno da Corporación municipal da Laracha, reunido hoxe en sesión ordinaria, acordou aprobar a proposta do grupo de goberno para destinar os fondos da anualidade 2015 do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) que promove a Deputación da Coruña.

O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que o corenta por cento da cantidade económica que lle corresponde percibir ao Concello da Laracha con cargo a este programa serán destinados a gasto corrente, mentres que o sesenta por cento restante máis a achega municipal empregaranse na mellora da rede viaria con actuacións que afectarán a vinte e seis núcleos de poboación situados en nove parroquias diferentes.

O rexedor afirmou que o goberno local propuxo destinar o máximo permitido a gasto corrente porque “deste xeito liberaremos crédito procedente de fondos municipais que se destinará igualmente a actuacións de investimento na rede viaria e que terá unha tramitación moito máis sinxela, polo que as obras poderanse contratar e executar con maior celeridade”.

Como datos concretos salientables, a cantidade que aportará a Deputación ascende a 348.520,35 euros e a achega municipal situarase en 14.344,78 euros. Por tanto, serán 223.456,99 euros os que se destinarán ao financiamento das actuacións de investimento, concretamente a renovación de estradas na parroquia de Cabovilaño (A Braña-Cardois-A Cacharra, A Braña-As Abeleiras, Xeriz-cruce de Nogán, A Teixoeira-Vista Alegre) e nos accesos e núcleos de A Fontenla (parroquia de Erboedo), Barbacán (Coiro), O Retorno (Lendo), Trixezo (Soandres), O Seixoso e A Abeleira (Soutullo), Estramil (Torás), A Balsa, O Pazo, O Pereiro, Fornelos e Vilanova (Vilaño) e Cumiáns, O Raño, A Cerdeira, A Penela, O Viso, O Penedo e A Carballa Redonda (Montemaior).

O acordo relativo á anualidade 2015 do POS tomouse cos votos a favor dos grupos do Partido Popular e do PSOE e a única abstención dos dous concelleiros do BNG.

Xuíza de Paz titular

Por unanimidade dos tres grupos con representación na Corporación acordouse nomear a Estela María Espiñeira Esmorís como nova Xuíza de Paz titular do Concello da Laracha por un período de catro anos.

O alcalde referiuse a ela como “a mellor candidata das trece persoas que se presentaron ao posto” en base “á súa formación académica” (dobre grado en ADE e Dereito) e “o seu lugar de residencia próximo á sede”.

Continuando co procedemento, o Concello da Laracha proporá o seu nomeamento á Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Mocións

Salientar, por último, que foron aprobadas mocións relativas ao rexeitamento da violencia de xénero, reclamar a reanudación das obras da autovía da Costa da Morte e manifestar o apoio á pesca da sardiña mediante a arte de xeito característica de Galicia.

26 de novembro de 2014 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.