O Concello da Laracha completará mañá o pagamento da expropiación dos terreos do campo de fútbol de Caión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha iniciou hoxe o pagamento da expropiación dos terreos afectados polo proxecto de construción do novo campo de fútbol de titularidade pública de Caión. O levantamento de actas previo á ocupación dos terreos completarase mañá coa realización deste mesmo trámite co resto dos propietarios.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os técnicos municipais acudiron ao centro social de Caión para facilitar as xestións evitando desprazamentos ata a Casa do Concello aos titulares das fincas expropiadas, dado que a maioría deles son veciños residentes na parroquia de Caión.

O Concello da Laracha investirá 81.000 euros con fondos propios municipais na adquisición de trinta e tres mil metros cadrados de superficie repartidos en vinte e sete parcelas. Os terreos sitúanse a carón do novo cemiterio parroquial.

A creación desta nova infraestrutura está proxectada para acometerse nunha área recentemente cualificada no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para poder albergar equipamentos deportivos, para o que foi necesaria unha modificación puntual no ordenamento que está actualmente en vigor tras ser aprobada polo Pleno da Corporación e publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

12 de novembro de 2014 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.