O Concello da Laracha completa a limpeza nun tramo de 6 km do río Anllóns
O Concello da Laracha continúa desenvolvendo labores de limpeza e acondicionamento nos entornos dos ríos, actuacións que están a ser executadas continuadamente desde o pasado verán cos obxectivos fundamentais de poñer en valor estas áreas de especial riqueza natural e paisaxística da zona interior do Concello da Laracha. Estes traballos tamén están permitindo facilitar o acceso a camiños e sendeiros, potenciando deste xeito a realización de rutas a pé por estes lugares.
Actualmente os operarios municipais traballan nas inmediacións da ponte sobre o río Anllóns no lugar de Tuixe (parroquia de Lemaio). O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro responsable da área de medio ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, comprobaron persoalmente o resultado das labores acometidas durante os últimos meses nunha distancia lineal de seis quilómetros a ambas marxes do río desde a ponte do Formigueiro ata Tuixe.
As labores que se están a realizar consisten esencialmente na eliminación da maleza nas inmediacións do río, a limpeza integral e a retirada dos residuos vexetais que poidan causar o estancamento da auga.
Unha vez completadas estas actuacións, as brigadas municipais desprazaranse nos próximos días aos paseos fluviais do propio río Anllóns e tamén do Vilán para acometer a súa limpeza e realizarán tarefas de desbroce de maleza e acondicionamento de determinados lugares públicos, como certas zonas da área recreativa de Gabenlle e o miradoiro situado no coto de Santa Marta.
Os operarios municipais que están a realizar estes traballos foron contratados polo Concello da Laracha no marco do programa de fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais convocado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Por tanto, estase alcanzando o dobre obxectivo de levar a cabo actuacións de interese xeral para a veciñanza e, ao mesmo tempo, crear postos de traballo.











