O Concello da Coruña saca a concurso a instalación dun novo ascensor no mercado de Elviña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellaría de Mercados, que preside Luisa Cid, sacou a concurso o proxecto para a instalación dun novo ascensor no mercado de Elviña para dar acceso á praza de abastos desde a planta baixa do edificio, mellorando así as condicións de accesibilidade do mercado que, na actualidade, xa dispón dunha rampla mecánica e dun elevador que comunica os sotos, onde se atopa o parking, e a primeira planta.

A obra, cunha presuposto base de licitación de 83.327,12 euros e un prazo de execución de catro meses, responde ademais a unha antiga demanda dos placeiros e usuarios do mercado, que desde a súa apertura no ano 2006 reclamaban un novo ascensor para favorecer a mobilidade entre todas as plantas e mellorar as prestacións do edificio. As empresas interesadas en executar o proxecto de obra poden presentar as súas propostas até o próximo 1 de decembro.

“Facer máis fácil a actividade diaria dos placeiros e facilitar a accesibilidade dos mercados para facelos máis atractivos para os clientes é unha das prioridades deste Goberno municipal”, explica a concelleira de Mercados, Luisa Cid, quen engade que, no caso de Elviña, a instalación do ascensor supón o cumprimento dunha reivindicación cidadá que xurdiu desde que se inaugurou o mercado fai oito anos.

A instalación dun novo ascensor no mercado de Elviña forma parte do plan de melloras deseñado polo Concello para os mercados municipais que inclúe, entre outras actuacións, a renovación do ascensor e do montacargas do mercado de Monte Alto ou dous ascensores panorámicos e plataformas salvaescaleras nos accesos laterais do mercado de San Agustín, obras cuxa investimento roza os 150.000 euros.

20 de novembro de 2014 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.