O Concello da Coruña presenta unha nova edición de Bolsas USA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, presentou esta mañá as novidades do programa Bolsas USA 2015/16, cuxo prazo de inscrición iníciase hoxe e permanecerá aberto ata o 21 de novembro. “Seguimos dando pasos e consolidando un programa fundamental para este Goberno municipal. Seguimos, por tanto, incrementando as prazas ata alcanzar as 50, un 20% máis que no curso 2011/12 e 4 máis que o ano pasado”, destacou Mourelo, quen lembrou que se trata dun programa dirixido ao alumnado en 4º da ESO dos centros educativos da cidade que ofrece unha situación de inmersión lingüística real a mozos coruñeses por medio de bolsas que permiten vivir e estudar durante o curso académico en Estados Unidos, “cos obxectivos principais de obter un dominio avanzado da lingua inglesa e adquirir un coñecemento profundo da cultura estadounidense, cursando o Grao 11, equivalente a 1º de Bacharelato, entre agosto de 2015 e xuño de 2016”.

Os requisitos para inscribirse son, ademais de estar empadroado na cidade e matriculado nun centro escolar da mesma, obter en 3º da ESO unha cualificación media de polo menos un 7. Os interesados teñen que cubrir o formulario de solicitude na web municipal www.edu.coruna.es e presentala xunto co resto da documentación solicitada nas bases. Este curso, ademais, modifícase o sistema de presentación de solicitudes, xa que será cada familia a responsable de presentar a inscrición nos rexistros municipais.

“Desde fai tres anos incluíronse importantes cambios organizativos que melloran substancialmente a calidade e a formación recibida por parte dos 50 mozos participantes, incrementando, para iso, o orzamento que nesta edición ascende a 312.041 euros, 25.541 euros máis que o ano pasado”, explicou o concelleiro, quen lembrou algunhas das medidas que se puxeron en marcha para mellorar o programa que recibiu unha valoración media por parte dos participantes dun 8,66 sobre 10.

– Incremento gradual do número de bolsas ofertado, pasando das 42 de hai dous anos ás 50 actuais. “Trátase dun esforzo económico e organizativo importante para garantir que os máis novos da nosa cidade gocen dunha experiencia persoal e académica destas características”, destacou Mourelo.

– Adiantamento das datas do proceso de selección dos estudantes con dereito a bolsa. “Desta forma -explicou-, o noso programa equipárase e compite con programas similares doutros países europeos. Así, canto antes teñamos aos nosos bolseiros seleccionados, antes as autoridades educativas americanas poderán ofrecer aos mozos coruñeses centros educativos máis grandes e, en consecuencia, con maiores oportunidades para elixir materias e itinerarios que respondan mellor aos seus intereses, ademais dunha oferta máis completa de actividades deportivas e culturais no horario extraescolar.

– Ampliación de destinos. “Pasamos de 3 ou 4 estados, a máis de 20. Neste curso en concreto, temos a mozos coruñeses en 22 estados americanos, desde a costa atlántica ata o Pacífico: Texas, Wisconsin, California, Ohio, Michigan, Illinois, Kansas, Washington, Dakota do sur, Iowa, Missouri, Lousiana, Nova York, Boston, Xeorxia, Idaho, Colorado, Florida, Utah, Indiana, Kentucky e Oregón.

– Aplicación de criterios de selección dos bolseiros máis obxectivos nos que non só puntúan o expediente académico e a boa conduta, senón tamén o esforzo por prepararse e certificar o dominio do inglés nos diferentes niveis do Marco Común Europeo das Linguas.

– Proba de coñecemento de inglés realizada polo Servizo Municipal de Educación, tanto de comprensión auditiva e escrita como de comprensión e expresión oral.

– Curso intensivo de máis de 50 horas de inglés oral, no que practican as situacións máis habituais que vivirán á súa chegada a USA, ademais dunha formación específica sobre a mentalidade e a cultura norteamericana. “Desde que este curso se puxo en marcha deixaron de producirse os abandonos que se producían antes por inadaptación á vida norteamericana”, lembrou Mourelo.

– A sétima e última medida afecta á viaxe de ida para lograr unha rápida integración dos nosos mozos na vida americana. Os estudantes seleccionados salen sempre de forma gradual para o seu destino en USA tomando como referencia a data do comezo do curso. Trátase de evitar que haxa moito tempo entre a súa chegada ao destino e o comezo das clases no High School. Ao principio, o centro educativo resulta decisivo para a súa rápida socialización mesmo máis que a propia familia.

Francisco Mourelo tamén lembrou que das 50 prazas que se ofrecen, 10 son bolseiras ao 100% e o resto en función da renda per cápita anual, cubríndose ata un 80% do custo polo Concello.

Xunto ás Bolsas Europa FP- Proxecto Acore, son 100 as bolsas convocadas polo Concello para estudantes coruñeses de Secundaria e FP no curso 2014/15. “Estas Bolsas, sendo importantes, son só a parte final e visible dunha estrutura para a adquisición de linguas estranxeiras que, dentro do programa educativo do Concello Coruña Educa, empeza nas Escolas Infantís Municipais, segue nos CEIPS e acaba nos centros de educación Secundaria coruñeses ao finalizar 2º de Bacharelato”, explicou Mourelo, quen concluíu: “En definitiva, o Concello é profundamente consciente da necesidade de formación dos nosos mozos neste ámbito, e con estes programas quere posibilitar as mellores e máis eficaces oportunidades de adquisición de linguas estranxeiras, para obter así un valor engadido na formación dos nosos mozos con evidentes e positivas consecuencias para o seu futuro persoal e laboral”.

7 de novembro de 2014 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.