O Concello da Coruña inicia unha campaña sobre tenencia responsable de animais
O Concello da Coruña, a través das Concellarías de Seguridade Cidadá e Medio Ambiente, e coa colaboración da asociación Can Coruña e do Colexio Oficial de Veterinarios coruñés, pon en marcha hoxe, e durante os próximos meses, unha campaña especial sobre tenencia responsable de animais como resposta a unha das demandas máis repetidas dentro dos encontros con veciños no programa de Policía Comunitaria.
Aínda que a campaña desenvolverase ao longo dos próximos meses, terá un período de máxima intensidade desde hoxe e ata o próximo 30 de novembro. Porá especial atención en todo o que ten que ver coa normativa que afecta en xeral aos cans e, sobre todo, aos considerados como potencialmente perigosos, en base á ordenanza municipal para a protección e tenencia de animais e ao decreto 153/1998 de 2 de abril polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a Lei 1/1993 de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.
Toda a policía local controlará o cumprimento da normativa e en cada quenda haberá un equipo específico asignado a esta campaña formado por 1 oficial e 3 policías, que ademais portarán lector de microchip. A vixilancia e control desta normativa realizarase durante toda a xornada, pero especialmente de 5.30 a 10.30 horas e de 19.00 a 24.00 horas.
Prestarase especial atención ás infraccións con respecto a razas potencialmente perigosas, e á recollida de excrementos por parte dos donos dos cans en beirarrúas ou zonas peonís, papeleiras, bancos ou mobiliario urbano, e en parques e xardíns utilizados por nenos.
Ademais, o Goberno local lembra as principais obrigacións:
– Con respecto a cans potencialmente perigosos: ter licenza municipal e portala ao levalo en espazo público; ter dado de alta o animal no rexistro municipal e levar a certificación ao pasealo en espazo público; ter identificado o animal con microchip; levalo con boceira e correa non extensible máis de 2 metros; ter contratado seguro de responsabilidade civil con cobertura de polo menos 120.000 euros; ou non levar en espazo público máis dun can potencialmente perigoso á vez.
– Cans non perigosos: ter implantado o microchip e circular con correa.
Aínda que o control afectará a toda a cidade, prestarase especial atención a aquelas rúas, zonas e parques nos que se detectaron un maior número de queixas e infraccións, por exemplo, Monte Alto, Zalaeta, parques de Oza, Santa Margarita, Vioño e San Diego, Os Mallos, Falperra, Birloque, Novo Mesoiro e Os Rosales, entre outros.
Doutra banda, ademais da campaña de vixilancia e control da Policía local, tamén levará a cabo unha campaña informativa na que van colaborar a asociación Can Coruñay o Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña, e distribuiranse folletos por parte dos promotores ambientais nos barrios nos que desenvolva o Plan RUA.
Con esta iniciativa o Goberno local pretende concienciar aos cidadáns sobre un aspecto tan importante como a tenencia responsable de animais, baixo o slogan “O teu can é responsable… E ti?” co fin de mellorar a convivencia cidadá, a seguridade e o coidado dos espazos públicos, equilibrando o dereito dos propietarios de cans co resto dos veciños.











