O Concello da Coruña homenaxea aos matrimonios da cidade que cumpran 50 anos de convivencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A responsable da área de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, acompañado polo director de Mercadotecnia de Gadis, Antonio Cortés, presentou esta mañá Celebra os teus 50 anos de convivencia, unha iniciativa en homenaxe ás parellas coruñesas que cumpren no ano 2014 ou en xaneiro de 2015, as súas Vodas de Ouro. “Con este acto, que terá lugar o 25 de xaneiro de 2015, queremos render unha merecida homenaxe a quen durante tantos anos compartistes a convivencia diaria, celebrándoo convosco e os vosos familiares”, destacou o concelleiro, quen explicou que se organizará unha recepción oficial e un comida – baile.

Poderán participar as parellas que se casaron entre o 1 de xaneiro de 1964 e o 31 de xaneiro de 1965, empadroadas na Coruña. Para iso, deberán presentar, até o próximo 2 de xaneiro, unha solicitude nos centros cívicos municipais (co nome dos dous homenaxeados, un teléfono de contacto e os números do DNI) e achegar unha fotocopia da folla do libro de familia que acredite a data na que contraeron matrimonio.

“Trátase dunha acción máis dirixida a un sector da poboación co que este Goberno municipal está especialmente implicado. Sempre pensamos nos nosos maiores”, destacou Miguel Lorenzo.

O responsable municipal lembrou os programas que se deseñan desde a súa área co obxectivo de ofrecer alternativas de ocupación do lecer e tempo libre á cidadanía, con actividades deseñadas para todos os gustos e idades, pondo especial atención nos nosos maiores. Actividades como os bailes para maiores nos centros cívicos municipais que, cada tempada, inclúe uns 80 bailes e, cada semana, reúne a 1.500 persoas. Miguel Lorenzo explicou que os bailes se inscriben dentro das accións dirixidas ao fomento dun envellecemento activo cuxo fin consiste, primordialmente, en proporcionar un espazo de lecer e tempo libre que sirva, ademais, de espazo de comunicación, relación interpersoal e adestramento das persoas participantes.

Neste sentido, desde a Concellaría de Servizos Sociais puxéronse en marcha accións como o programa Actíva-T, o proxecto de Talón Restaurante ou o de Telexerontoloxía que se dirixen a persoas maiores ás que facilita atención, co fin de previr situacións de dependencia e promover a súa autonomía. Tamén, en colaboración coa Deputación da Coruña, desenvólvese o programa Envellecemento Activo, que ten por obxecto previr a deterioración física e mental mediante actividades deportivas, ximnasia de mantemento ou talleres de memoria.

19 de novembro de 2014 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.