O Concello da Coruña e o Club Rialto organizan a V Carreira Popular San Silveste

Presentación da San Silvestre
O Concello, a través da área de Educación, Deportes e Mocidade que dirixe Francisco Mourelo, e o Club Rialto organizan a V Carreira Popular San Silvestre, que se celebrará o 31 de decembro, ás 17.00 horas, con saída desde O Parrote e percorrido por lugares emblemáticos da cidade como o Castelo de San Antón, o paseo marítimo ou a Torre de Hércules. O número de corredores que poden participar ampliouse este ano até os 2.500, fronte aos 2.000 da pasada edición, os 1.250 de 2012 ou os 500 da primeira cita fai cinco anos.
A Carreira Popular San Silvestre converteuse nun aceno de identidade no calendario nacional das carreiras populares, celebrándose nas cidades máis importantes do país. Ademais, a súa celebración será unha nova oportunidade para potenciar a aposta do Goberno municipal polo fomento do deporte e os hábitos saudables, en especial entre os máis novos; divulgar e promocionar a cidade a través dunha carreira de carácter festivo; e convertela nun referente a nivel galego e o norte de España, á vez que se completa o calendario de carreiras coruñés.
A V San Silvestre consta de 7,7 quilómetros de percorrido e estableceranse, ademais da clasificación absoluta, outras sete categorías tanto en homes como en mulleres:
– Promesa: 16 – 19 anos.
– Senior: 20 – 29 anos.
– Veteranos A: 30 – 40 anos.
– Veteranos B: 41 – 50 anos.
– Veteranos C: 51 – 60 anos.
– Veteranos D: 61 anos en diante.
– Mellor disfrace: todas as idades.
O Club Rialto e a Concellaría de Deportes, que entregarán trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría e da proba absoluta e mellor disfrace, contarán durante a celebración da carreira co apoio de voluntarios de ambas as entidades, así como efectivos de Protección Civil, Policía Local e persoal sanitario.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través das páxinas web www.championchipnorte.com e www.sansilvestrecoruna.com, cun prezo de 12 euros por participante -10 euros se xa posúe o chip-. A retirada dos dorsais e os chips poderá realizarse no centro Aqua Complexo de Elviña durante os días 29 e 30 de decembro.
A última proba do calendario de 2014 completará un ano repleto de eventos deportivos no campo do atletismo na cidade, como Coruña 10, Coruña 21, o maratón Coruña42 ou o Coruña Corre, a iniciativa de carreiras populares, con seis probas en seis barrios da cidade que, tras o éxito da pasada edición -con 1.756 participantes-, consolídase alcanzando na súa terceira edición os 2.358 corredores. O circuíto empezouse a disputar o pasado mes de outubro en Os Rosales e en novembro en Novo Mesoiro e terminará en Oza en agosto de 2015, tras disputarse as carreiras da Torre de Hércules, San Pedro de Visma e O Ventorrillo.











