O Concello da Coruña creará unha praza que conectará as rúas Fragas do Eume e Ribeira Sacra
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá un investimento de 400.000 euros nun novo proxecto consensuado cos veciños do barrio de Novo Mesoiro e que permitirá conectar as rúas Fragas do Eume e Ribeira Sacra a través dunha parcela cedida polos propios residentes e que se converterá nunha nova praza para o barrio dedicada a espazo público de esparexemento. Na sesión celebrada esta mañá, o Concello da Coruña tamén concedeu licenza para legalizar a construción do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), un inmoble da Universidade da Coruña (UDC) situado dentro do campus de Elviña; e deu o visto e prace á licitación dos servizos de guindastre e ORA, así como a dous estudos de detalle para ampliar as instalacións que teñen dúas entidades sociais en Os Rosales, a Fundación Remanso e Pío Unión A Obra da Señora.
NOVO MESOIRO
A Xunta de Goberno deu o visto e prace ao proxecto de acondicionamento e mellora do espazo existente entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume, no barrio de Novo Mesoiro, o que supón dar resposta a unha demanda dos veciños. O Concello sacará a concurso a obra, á que reserva un investimento de 400.000 euros.
O proxecto, cun prazo de execución máximo de 6 meses, consiste na construción dunhas plataformas unidas por escaleiras e ramplas para ofrecer accesos peonís entre as dúas rúas; así como o axardinamento e a instalación de iluminación pública e de áreas de descanso con bancos, papeleiras e parterres.
Dentro do Plan de Modernización de Espazos Públicos, o departamento municipal de Infraestruturas, coa colaboración das concelleiras de Barrio, acordou este proxecto cos veciños da zona, quen precisamente cederon ao Concello o uso do chan de maneira gratuíta por 99 anos para crear este espazo público de esparexemento e de conexión entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume.
A proposta municipal consiste na creación dun parque onde se poidan desenvolver actividades deportivas e de xogo tanto para nenos como para persoas maiores. Debido ao nivel existente, as dúas rúas conectaranse mediante escaleiras e cun percorrido adaptado a discapacitados a través de ramplas.
UNIVERSIDADE
A Xunta de Goberno local deu un paso máis na súa aposta pola colaboración entre o Concello e a Universidade da Coruña e acordou outorgar licenza para a legalización dun edificio construído no campus universitario de Elviña que se destina a Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) e que contou cun orzamento de execución de 3,7 millóns de euros.
O inmoble componse de dous sotos, planta baixa e tres alturas superiores, así como dun espazo contiguo para aparcadoiro con capacidade para 50 vehículos. Esta decisión dispón de todos os informes favorables. Neste sentido, o edificio conta co informe favorable da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), pois se atopa afectado as servidumes aeronáuticas, e está condicionado a que a construción proxectada non exceda de 12,5 metros. Esta condición cúmprese no edificio legalizado.
A Universidade é un dos principais motores da cidade e a intención do Goberno municipal é apoiala en todo o posible para que o siga sendo. Con este acordo que hoxe se aproba soluciónase unha vella demanda e posibilítase a utilización destas instalacións moi necesarias para o normal desenvolvemento da súa actividade.
Esta autorización urbanística súmase ás licenzas para a legalización da construción de tres inmobles nos campus de Elviña e A Zapateira que se aprobaron o pasado mes de xuño. En concreto, tratouse de dúas construcións da Unidade mixta de investigación sobre a madeira, situadas na Zapateira; e a primeira fase do edificio da área Científica do Parque Tecnolóxico da UDC, en Elviña.
O Concello e a Universidade da Coruña asinaron un convenio marco asinado hai un ano para propor, deseñar, executar e avaliar as actividades de cooperación, creando un punto de encontro estable que reforce a relación e o diálogo fluído que xa existe entre ambas as institucións e onde se establecen áreas de interese mutuo como a investigación, a mobilidade sustentable, a vivenda universitaria ou o emprego e as prácticas dos estudantes. Froito desta cooperación, tamén se puideron sentar as bases para impulsar o tecido empresarial e potenciar o sector da innovación; mellorar os accesos aos campus ou promover unha iniciativa para que persoas maiores e estudantes compartan vivenda.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno concedeu esta mañá licencias urbanísticas que suporán un investimento na cidade de 4,25 millóns de euros, o que eleva a cantidade desde o inicio do mandato até os 315,8 millóns de euros. Entre os permisos autorizados atópanse os expedientes para a instalación de ascensores en catro edificios da cidade: na avenida de Calvo Sotelo e nas rúas Sinforiano López, Isabel López Gandalla e Corcubión.
OS ROSALES
O Concello da Coruña tamén aprobou, de maneira inicial, dous estudos de detalle para a ampliación de dous equipamentos situados no barrio de Os Rosales. En concreto, trátase das instalacións de dúas entidades benéficas que traballan a favor dos que máis o necesitan: Fundación Remanso e Pía Unión A Obra da Señora. Agora, os expedientes poranse a exposición pública durante un mes e pediranse os informes sectoriais correspondentes para a súa posterior aprobación no pleno.
No caso da residencia de maiores da Fundación Remanso, que se atopa nunha parcela municipal en réxime de concesión, o estudo de detalle recolle a construción de tres novas edificacións, cunha superficie total de 1.662 metros cadrados, o que completará o equipamento actual formado por dous volumes comunicados (un de planta baixa e outro de planta baixa máis cinco alturas).
O segundo estudo de detalle corresponde á ordenación de volumes dunha parcela da travesía de Os Rosales, o que permitirá mellorar as instalacións actuais de Pía Unión A Obra da Señora. En concreto, trátase de ampliar nunha planta dúas do tres edificios existentes e noutras dúas alturas o inmoble dedicado na actualidade a sala de usos múltiples.
Esta entidade presta servizo actualmente aos maiores e persoas en risco de exclusión, para o que dispón de 116 prazas residenciais situadas en tres edificacións independentes (59 dedicadas ao centro de maiores, 36 no centro de inclusión social para homes, e 21 no centro de inclusión social para mulleres e nenos). A ampliación de superficie proposta neste estudo de detalle, que se desenvolvería en dúas fases, é de 1.019 metros cadrados, polo que, sumada á edificabilidade xa existente, alcanzaríase os 5.842 metros cadrados.
ILUMINACIÓN PÚBLICA
A Xunta de Goberno, a proposta da área de Infraestruturas, tamén aprobou ampliar en 105.835 euros o orzamento anual do servizo de mantemento integral da iluminación pública existente nos espazos públicos da cidade.
O actual equipo de goberno atopouse ao comezo do mandato que A Coruña carecía dun inventario no que se recollesen as instalacións da rede de iluminación pública da cidade. Debido á falta de planificación existente no pasado, a Concellaría de Infraestruturas decidiu elaborar un estudo pormenorizado que permitise comprobar a situación real do servizo. O inventario constatou a existencia de 2.151 luminarias e 230 centros de mando máis dos que estaban contabilizados. Por este motivo, é necesario incrementar o prezo do contrato en 105.835 euros para cubrir a totalidade dun servizo considerado esencial por este equipo de goberno.
Con este investimento, o Concello afianza o seu compromiso co Plan de Mellora e Modernización da Iluminación Pública. Se no orzamento deste ano, a área de Infraestruturas dispón de 6,2 millóns de euros, o que permite alcanzar unha maior eficiencia enerxética; para 2015, o orzamento municipal aprobado inicialmente xa recolle un incremento de 500.000 euros, até alcanzar os 6,7 millóns para esta mesma finalidade.
APARCADOIRO DISUASORIO
O Concello asinará un convenio de colaboración coa Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, para a execución do primeiro aparcadoiro disuasorio da cidade, que se situará en Lonzas e que favorecerá a intermodalidad e unha mobilidade máis sustentable entre A Coruña e a área metropolitana.
O proxecto enmárcase dentro dos compromisos adquiridos polo Goberno municipal no primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) da historia da Coruña. O visto e prace dado na Xunta de Goberno de hoxe á firma do convenio suporá a posta en marcha desta experiencia piloto na cidade.
O convenio recolle que o Concello se encargará da redacción do proxecto de construción do aparcadoiro disuasorio en Lonzas, e de pór a disposición da Axencia Galega de Infraestruturas os terreos necesarios que non sexan de titularidade autonómica. Pola súa banda, a Xunta financiará a obra, orzada en 705.146 euros e cofinanciada nun 80% a través dos fondos europeos FEDER. O aparcadoiro terá, inicialmente, capacidade para ao redor de 200 vehículos.
O PMUS destaca a importancia de contar cun plan de aparcadoiros disuasorios encamiñado á diminución do número de vehículos que acceden á cidade, o que repercutirá nun descenso do tráfico rodado dentro do centro urbano e dos niveis de contaminación, pois os condutores poderán deixar o seu vehículo neste aparcadoiro e continuar ao seu destino dentro da cidade a través do transporte público colectivo. Concello e Xunta consideran que Lonzas é un emprazamento estratéxico para este aparcadoiro disuasorio, pois estará preto das estacións de tren e buses e, sobre todo, próximo á Terceira Rolda, o que mellorará as comunicacións entre A Coruña e a área metropolitana.
ORA E GUINDASTRE
A Xunta de Goberno aprobou os dous expedientes para a licitación dos servizos de ORA e guindastre. O Concello decidiu non prorrogar o acordo formalizado en 2005 e sacalo a concurso en dous contratos para mellorar a xestión e a atención dos cidadáns.
O Goberno local acordou non prorrogar o contrato de ORA e guindastre, que podería prorrogarse por outros dous anos, debido aos resultados deficitarios que supuxeron 3,1 millóns de euros ás arcas municipais entre perdas e atrasos. Esta decisión forma parte dun cambio que se produciu coa chegada deste equipo de goberno, que fixo un gran esforzo por tratar de frear o déficit mellorando a xestión, controlando os ingresos a través do sistema de dobre check instalado nos parquímetros ou recuperando prazas de aparcadoiro para compensar a perda das eliminadas desde 2005. Grazas a estas medidas, o déficit reduciuse en máis dun 50% con respecto a 2012.
No caso do servizo da ORA, o novo contrato é por un máximo de 8 anos, podendo prorrogarse 2 anos máis, anualmente. O novo prego recolle o modelo de xestión dun contrato de concesión “a risco e ventura”, é dicir, sen garantía de cobertura de déficit, o que elimina calquera déficit de explotación que deba sufragarse con cargo a fondos municipais.
O Concello non asumirá ningún déficit e ademais ingresará como mínimo dous canons: un mensual igual ao 6% da recadación bruta e un canon anual cunha porcentaxe en función dos ingresos de explotación. Vincúlase, por tanto, o custo do servizo á recadación efectiva. Ademais engadíronse novas prestacións:
– Sinalización horizontal e vertical de todas as prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, motos, bicicletas e outro tipo de reservas como carga e descarga.
– Renovación automática de todos os elementos vinculados ao contrato, o que permitirá abonar o custo do ticket desde calquera lugar mediante teléfono móbil, identificación de matrícula do vehículo estacionado, flexibilidade para a programación de tarifas, horarios, anulación de denuncias… En resumo, unha actualización tecnolóxica do sistema existente, compatible con Coruña Smart City, con información detallada e en tempo real, permitirá ao Goberno local elaborar estudos sobre os hábitos de tráfico dos cidadáns e coñecer as súas necesidades para un mellor servizo.
Introdúcese, por outra banda, a auditoría de control do servizo, mediante sistemas automáticos, o que verificará e complementará o sistema de xestión documental que ten que implantar a concesionaria (software de xestión).
En canto ao contrato do guindastre, licitarase por 1,4 millóns de euros e unha duración de 4 anos, prorrogables, anualmente, por outros 2 máis. No prego, o Concello tamén esixe a implantación e posta en marcha dun software de xestión con actualización continua de datos para poder comprobar o estado de execución do contrato en todo momento, así como analizar os indicadores de calidade do servizo. En ningún caso vaise a incentivar por vehículos retirados. Non se vinculará o nivel de prestación de servizos a niveis de facturación.











